Estimado José Manuel. Antes que nada, deboche unha desculpa por dirixirme a ti polo teu nome e non polo teu cargo, mais fagoo coa seguridade de estarlle falando a unha persoa que coñece e aprecia as peculiaridades do noso traballo como actrices/actores, e que me vai prestar a súa amable atención coma sempre que tivemos ocasión de comunicarnos en persoa.
O falecemento do noso compañeiro Ernesto, este pasado luns 6 de Agosto, supuxo un golpe durísimo sobre todo para a súa familia e persoas máis próximas, pero tamén para moitas outras non tan cercanas, e mesmo para xentes descoñecidas que seguían a súa incesante e extensísima traxectoria profesional nos escenarios e nas pantallas. Foron constantes e sentidas as mostras de pesar. Incesantes as chamadas dos medios de comunicación, ávidos de saber qué calidades nos parecían a nós as máis salientables en Ernesto como persoa, como amigo, como actor. Polo que tí coñecías del, estou certa de que non che vai coller de sorpresa que a maioría de nós coincidisemos en destacar, entre outras, a XENEROSIDADE, a ELEGANCIA, o HUMOR (conservade as maiúsculas, por favor) que Ernesto derrochaba. Calidades, todas tres, ausentes dese lamentable titular do voso diario do 7 de Agosto: é cutre, é vulgar e non ten gracia ningunha. A portada dun medio de comunicación é a marca da súa liña editorial, a carta de presentación que define a ese medio. É lamentable que a ausencia total de rigor informativo dese gran titular de portada puidese levar a equívoco a algunha persoa de boa fe, pero despistada, e que alguén dese en pensar que El Correo Gallego, na súa magnanimidade, fixo volver o actor Ernesto Chao dalgunha sorte de limbo de esquecemento no que ninguén sabía que estivese, agás quen redactou o titular.
O sentido da propiedade adquire un matiz perverso cando se manifesta no ámbito laboral, dando lugar a pensar que o persoal contratado é un fato de seres apesebrados e serviles que deben rendir pleitesía incondicional ao seu contratador (o seu amo). No traballo audiovisual isto está á orde do día. O feito de que en Galicia algunhas das produtoras con maior volume de traballo estean vinculadas a un medio de comunicación non fai senón aumentar tal delirio, dando lugar a que o medio en cuestión faga unha exhibición impúdica dos produtos televisivos ou cinematográficos que realiza, ignorando os traballos, e xa non digamos os éxitos, da 'competencia'. E a nós, actrices e actores, inclúesenos nese aparato de propaganda coma se fixeramos parte do atrezzo, dos lotes de cables ou de calquera outro material a exhibir. A portada da que vimos falando é un claro exemplo dese exceso de celo patrimonial, unha flagrante apropiación indebida da figura de Ernesto, reducindo a súa extensísima traxectoria profesional a unha única baza: ese personaxe que él creou para vós, pero entre tantos outros antes de vós, canda vós e despois de vós.
Actrices e actores sabemos perfectamente que o noso traballo depende en todo momento da mirada que se teña de nós. Ninguén nos garante absolutamente nada, estamos nas mans do mercado. Tamén puntúa o moito ou pouco que molestemos, e xa se sabe que o mercado non gusta de certas irreverencias. Sen embargo, somos unha profesión especialmente agradecida e adoitamos crear vínculos de afecto e de respecto moi potentes cos equipos cos que traballamos, mesmo cos de produción, como non debería ser doutro xeito. Agardamos o mesmo respecto por parte de quen nos contrata.
Hai algo nesa lamentable expresión 'rescatar do esquecemento' que me doe especialmente, e é que, aínda que no caso de Ernesto é radicalmente falsa, en moitos outros casos reflicte a realidade deste mundo que tí tan ben coñeces, e é que os actores, e sobre todo as actrices, podemos caer no esquecemento con toda facilidade. En canto finalizamos algún deses traballos cada vez máis precarios e máis escasos que temos a sorte de realizar … quedamos ao albur do esquecemento. Esquecemento que moitas veces non é tal, senón que está feito á mantenta. Esquécense de nós, deliberadamente, as empresas produtoras cando defendemos dereitos laborais conquistados con moitísimo tempo e esforzo e que elas incumpren sistematicamente. Esas mesmas empresas esquecen defender unhas condicións de contratación adecuadas para os seus traballos, en lugar de someterse aos designios dese cliente único que é a televisión autonómica, conformándose cuns presupostos cada vez máis miserentos que se traducen en baixos salarios, tempos de produción mínimos e, moitas veces, escasa calidade do produto final. Esquecémonos nós mesmas (non todas) e mesmos (non todos) de expoñer estas cuestións con firmeza e claridade, non vaia ser o demo que quedemos esquecidas para sempre …
Xeneroso, elegante, delicado, 'peleón', con ese humor finísimo e intelixente co que tanto nos fixo rir (e reflexionar) a todas cantas persoas tivemos a sorte de compartir experiencias con él, Ernesto Chao forma parte das nosas vidas e vai estar sempre no noso corazón e na nosa memoria. Nin falta que fai a operación rescate.
Non sería raro (?) que con esta carta eu mesma estea contribuíndo ao meu propio e definitivo esquecemento, pero tanto me ten. E vou aproveitar a ocasión para expresar un desexo: o día que me toque desfilar a min ('lo nuestro es pasar') encantaríame que ningunha portada me rescatase dese esquecemento. Aínda diría máis: sentiríame feliz se a televisión autonómica non aproveitase o meu pasamento para bombardear, unha vez máis, cun obsoleto e requetesobado capítulo de 'Pratos combinados'. Daquela sí que podería descansar en paz.
Agradecendo a túa atención, recibe un saúdo moi cordial.
Mabel Rivera, actriz.
10 de Agosto de 2018