Volver

Mágoa

Ultimamente ven de acontecer un feito sen precedentes no audiovisual galego, varias produtoras galegas asociáronse para encabezar un salientable proxecto, una serie diaria con proxección nacional utilizando a rede de televisións autonómicas pertencentes á FORTA. Este, por si mesmo, é un feito sen precedentes e digno de mérito o conseguir poñer de acordo as televisións e nomeadamente á Televisión de Galicia como cabeza do proxecto cunha achega do 50% do total do investimento, continuaría así a histórica e frutuosa aposta da nosa televisión polos contidos de ficción de produción autonómica. Pero mágoa, mágoa que as produtoras que levaron adiante este interesante proxecto optasen por proporlle aos actores e actrices que potencialmente serían susceptibles de seren elixidos para formar parte do elenco, que aceptasen (mesmo antes de ser escollidos), unhas condicións que distan moito das establecidas no Convenio de sector, que ten ámbito nacional, apoiándose, sen manifestalo, na recente reforma laboral que teoricamente permitiría a sinatura de un convenio propio da empresa, cousa que farían, e quen sabe se cadra aínda o fagan, despois de asinar os contratos cos actores e actrices. Como non podía ser de outro xeito estas produtoras atopáronse cunha seria oposición por parte do sector da interpretación, pero non só en Galicia, senón en toda España, e transformaron o que debía ser motivo de orgullo para todos nunha fonte de disensión e desconfianza. As produtoras donas desta iniciativa tiñan tamén no seu haber o seren algunhas das produtoras que sen ser as mais “poderosas” si eran algunhas das mais independentes, é dicir, sen vinculación con ningún gran medio de comunicación, con certa heroicidade na súa historia por ter logrado desde esa situación ser, sen embargo, parte importantísima e motor do audiovisual galego. Por todo isto: mágoa, mágoa por teren provocado que agora despois de crear un triste enfrontamento, teñan que rectificar, e dean como un malentendido o que foi unha proposta en firme de incumprir o convenio. Mágoa tamén que aqueles compañeiros que aceptaron, se algún o fixo, a proposta de traballar por fora do establecido no Convenio, nunca saberán se están aí por ser os mais adecuados para o papel ou por ser os que aceptaron unhas condicións que van contra un convenio con 18 anos de historia. Aínda así, a todos os compañeiros que traballen nesa produción, teñan aceptado ou non aquelas condicións a priori, aínda lles queda unha importantísima baza que xogar: non aceptar nunca un convenio de empresa que contraveña o Convenio Colectivo, xa que alén de ser legal, que o sería, suporía un dano irreparable para o audiovisual galego e para o español non debemos esquecer que o 50% do elenco será de fora de Galicia. Mágoa, señoras e señores, mágoa que non sexamos quen de sacar adiante un proxecto en común sen cravarnos puñais polas costas. Mágoa.

Xavier Estévez