Volver

Convenio pra que?

Como ben sabemos e podemos confirmar, sobre todo despois de conferir a arquitectura das programacións teatrais de algunhas entidades, o que nós facemos en Galicia non é ben exactamente Teatro, así con maiúsculas: Teatro.

O que nós producimos, vaiamos asumindo, é simplesmente teatro galego, unha modalidade autóctona ao parecer.

Por mui vangardista, por mui clásica, burguesa, posdramática, xenial... que chegue a mostrarse a nosa creatividade, estes pequenos xestos* sitúan sen pudor a nosa produción na categoría da curiosidade aborixe, no eterno limbo da rexional preferente.

E mesmo así, humildemente, desde a AAAG continuamos tentando mellorar o noso flamante Convenio de Teatro, pois ainda que o noso facer dramático careza da máis mínima trascendencia (por aquilo de ser galego, vaia) polo menos mostrar ao mundo que o noso pacto de relacións laborais continúa a ser referencial internacionalmente.

[Desactivar agora o modo ironía]

Pois ben, as negociacións para a elaboración do que será 2º Convenio de Teatro están en marcha. Na Mesa Negociadora temos enfrente a Escena Galega - como representación das empresas privadas - e á AGADIC; e as tres partes implicadas fixemos chegar xa as nosas propostas.

Lembraredes que o pasado 8 de maio fomos convocados a tomar un Café con Convenio no noso local, e alí @s asociad@s presentes, café vai café vén, fomos valorando as liñas posíbeis de intervención e conformando o noso relatorio para a Mesa Negociadora, que se centra en 3 temas principais (hai máis) e que, se vos sentides con paciencia, podedes conferir:

1 | OS MODELOS DE CONTRATACIÓN E OS SALARIOS. Propomos unificar os actuais grupos A e B (espectáculos de alto e baixo orzamento, respectivamente) para establecermos unha única tabela de tarifas. Entre outros argumentos destacamos o facto de que un maior orzamento correspóndese normalmente con un maior número de artistas contratados.

Propomos ademais reducir as categorías profesionais a 3: PROTAGONISTA, SECUNDARIO e ELENCO. Desaparecería PRINCIPAL.

E propomos 3 opcións de contratación para o período de distribución dos espectáculos: por MES, por SEMANA e por DÍA. As tarifas que elaboramos permiten que 4 días de contratación nunha semana faciliten a contratación por SEMANA, e que 10 días nun mes conviden á contratación por MES.

2 | AS DRAMATIZACIÓNS RADIOFÓNICAS. Atendemos a unha vella demanda da AGADIC e establecemos tarifas para as Dramatizacións Radiófónicas, que contemplarían as 3 categorías –PROTAGONISTA, SECUNDARIO e ELENCO.

3 | AS LECTURAS DRAMATIZADAS. Para as lecturas dramatizadas, propomos tarifa única, que coincidiría coa tarifa xeral correspondente á categoría ELENCO.

Como dicíamos no convite para o café do 8 de maio, somos plenamente conscientes da abafante desprofesionalización do sector. Xa dicía Ms. Tatcher “Non alimentes os artistas, que total traballan igual” (RIP). E ainda que agora aplican o conto tamén ao resto dos oficios, o certo é que o noso é o mundo da creatividade e, se se tratar de traballo, somos e seremos creativos á hora de provocá-lo.

Só nos falta non perder de vista a nosa forza como colectivo. E algo tan sumamente básico como a profesionalidade nas relacións laborais non pode escapar da nosa axenda de tarefas.

Para iso era a AAAG, non era?

Falamos!Directiva AAAG

(*)Tal vez os tempos indiquen como prioritario agradecermos que as entidades continúen programando (e facémo-lo). Mais non podemos deixar de sinalar que establecer a dicotomía Teatro – Teatro Galego, reservando o primeiro termo para o teatro producido/distribuído desde Madrid, minusvalora e agride o noso sistema teatral.