Volver

Revista Galega de Teatro

Cando nós chegamos, ela xa estaba alí.

Ela non é outra que a Revista Galega de Teatro, ferramenta imprescindíbel para a difusión das artes escénicas e o desenvolvemento do sistema teatral. A Asociación vén de completar trinta anos, mais ela, esta Revista que é un pouco de tod@s, xa estaba alí cando espertamos, levaba xa anos exercendo de espello do noso teatro.

O que hoxe rendemos á Revista Galega de Teatro non é máis ca o recoñecemento necesario que tardamos en facer a unha publicación que foi sempre exemplo para o xornalismo cultural, realizado sempre desde a independencia, a honestidade e o compromiso. E hoxe, nesta gala, emendamos a tardanza e facémolo nun ano moi especial para nós, pois neste 2016 celebramos a vixésima edición dos nosos premios.

A Revista Galega de Teatro leva ás súas costas un inxente labor pola normalización das artes escénicas. Ese traballo recóllese nas súas páxinas e no seu grande acerto á hora de publicar textos dramáticos de autores e autoras do noso país, no seu esforzo na tradución de textos internacionais e na súa especial atención cara á dramaturxia en lingua portuguesa. Tampouco podemos esquecer a relevancia e o espazo que outorgou nestas décadas á crítica de espectáculos, primeiro nas súas páxinas, despois no seu blog na rede.

E, finalmente, entre outras moitas iniciativas que deixaron pegada, queremos salientar a creación do fondo de documentación que a Revista puxo en marcha en 1995, que non deixou de medrar coa incorporación constante de publicacións e volumes relacionados coas artes escénicas. Por se fose pouco, deron en chamar esta colección de Fondo Teatral María Casares, de xeito que nos sentimos especialmente satisfeit@s ao compartirmos con el o nome da actriz co que bautizamos os nosos premios.

Polo seu pasado e polo seu futuro, a Xunta Directiva da AAAG séntese agradecida e honrada de conceder o Premio de Honra Marisa Soto á Revista Galega de Teatro. A tod@s os que a integrades: Parabéns, moitísimas grazas e longa vida.

Viva o teatro!

Tes mais información da RGT aquí.

Ou podes visitar a súa web, ou o blog de crítica teatral que manteñen.

XX Edición | 2016

Premio de honra