Volver

Asociación Cultura Abrente

O 8 de novembro de 1969, en Ribadavia, constituíuse a Agrupación Cultural Abrente. Entre os seus promotores atopábanse José Luis Chao, Ernesto Chao, Carmen Escudero, Lucinda Rodríguez, Luisa del Carmen Escudero, Alejandro Álvarez, Francisco Javier Chao, Rita María García, Margarita Dávila e Manuel Lourenzo. Todos eles redactaron a carta fundacional dunha entidade chamada a ser o xermolo imprescindible para o nacemento do teatro profesional en Galicia. Era o comezo, principiaba un proceso de normalización. Despois viría todo o demais.

Dende as súas orixes, a Agrupación Cultural Abrente apostou pola dinamización cultural dende diversos frontes e sempre co obxectivo de fomentar e revitalizar unha cultura propia esmorecida. Neste sentido desenvolveron diferentes iniciativas, como o mantemento dun cineclub ou a creación de diferentes seccións que se encargaban de diferentes disciplinas artísticas, entre elas, unha dedicada á escena. Deste xeito, a partir de 1973, a Agrupación Cultural Abrente puxo en marcha as Mostras de Ribadavia, nun marco de recuperación cultural. As mostras, dende a súa primeira edición, serviron de punto de encontro para impulsar o teatro no país e comezar a desenvolver un compromiso da dramática con Galicia, a súa realidade e o seu idioma.

En paralelo á creación das Mostras, a agrupación creou o Concurso Abrente de Textos Teatrais, certame que contribuíu de forma capital a que xurdisen novos dramaturgos. Ao redor destas dúas iniciativas, agromou o chamado Grupo Abrente, a primeira xeración de dramaturgos profesionais do país. Neste conxunto de novas sinaturas inclúense autores como Manuel Lourenzo, quen gañou o certame coa obra Traxicomedia do vento de Tebas namorado dunha forca; Roberto Vidal Bolaño, que se alzou co galardón en dúas edicións coas pezas Laudamuco e Bailadela da morte ditosa; Manuel Guede, gañador coa obra Informe sobor dunha terra; ou Euloxio Ruibal, gañador da primeira edición con Zardigot.

No seo das mostras, na súa sexta edición, producíronse dous acontecementos clave para o desenvolvemento do teatro. Por vez primeira, o teatro galego recibía unha axuda oficial. Ademais, a edición dese ano 1978 considérase o nacemento da profesionalización da escena do noso país, xa que se incluíron na programación tanto grupos afeccionados como as primeiras formacións profesionais que comezaban a dignificar o oficio teatral tanto dende a vertente laboral como dende a dimensión social.

Durante a súa andaina, a Agrupación Cultural Abrente contou con diferentes presidentes. Entre eles, José Luis Chao, Alejandro Álvarez, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, María del Pilar García e Laura Barea.

V Edición | 2001

Premio de honra