Volver

Gonzalo M. Uriarte

Gonzalo Uriarte, actor de dilatada traxectoria no teatro e no audiovisual, resultou ser o galardoado co Premio de Honra Marisa Soto 2010, outorgado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A Xunta Directiva da AAAG homenaxeou no seu 25 aniversario a través do Premio de Honra Marisa Soto a quen foi o primeiro presidente da institución.

Nado na Coruña en 1952, Gonzalo Uriarte leva tras de si unha longa traxectoria que comezou como cofundador da compañía de teatro Troula en 1978, ano fundamental para a escena profesional. Ese mesmo ano acadaría o seu primeiro recoñecemento co Premio da Crítica 1979 grazas ao espectáculo O Velorio. E é que Uriarte estaría moi presente nos difíciles inicios tanto do teatro coma do audiovisual galego. Dese xeito, en 1984, data de creación do Centro Dramático Galego, formou parte do elenco do primeiro espectáculo da compañía, Woyzek, mentres que no 89 participa na histórica película Continental.

Despois virían preto dunha trintena de montaxes co Centro Dramático Galego con Teatro do Aqui, Teatro do Morcego ou Talía Teatro. Os recoñecementos nunca lle faltaron a Gonzalo Uriarte, quen foi galardoado co Premio María Casares 1997 ao mellor actor protagonista por A noite das Tríbades, dirixida por Xulio Lago e o María Casares ao mellor actor secundario polo personaxe de Horacio no espectáculo Hamlet, en 2007.

No audiovisual tamén lle chegaron os premios. Un dos máis destacables é o Agapi en 1998 á mellor interpretación masculina polo seu traballo en A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda. A súa presenza en producións como Mareas Vivas, Rías Baixas ou As leis de Celavella non pasaría desapercibida aínda que foi a súa interpretación do papel de Cosme na serie Libro de Familia pola que acadaría a candidatura na categoría de mellor actor secundario nos Premios Mestre Mateo 2006. El Comisario ou Hospital Central tamén lle deron a oportunidade de mostrar o seu talento no audiovisual español.

Con Premio de Honra Marisa Soto, os actores e actrices de Galicia recoñeceron a un completo actor que tamén desenvolveu traballos na dobraxe poñéndolle voz, entre outros, a Dirk Bogarde en Historia de dúas cidades. Uriarte, entre os múltiples recoñecementos que recibiu ao longo da súa traxectoria tamén recibiu o Maruxa Villanueva do Concello de Padrón á súa traxectoria interpretativa.

XIV Edición | 2010

Premio de honra