Volver

Un total de 30 espectáculos e máis de 320 profesionais inscríbense nos XXVI Premios de Teatro María Casares

A primeira rolda de votacións xa está aberta a un censo de votantes conformado por máis de 450 profesionais do sector escénico. A finais de abril daranse a coñecer a relación de finalistas das catorce categorías nas que se estruturan os galardóns.

Un total de 30 espectáculos e máis de 320 profesionais concorren aos XXVI Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa fundación en 1997 coa colaboración habitual de institucións e entidades como son a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación SGAE, a Fundación AISGE ou Gadis. O proceso de inscrición finalizou o pasado 10 de marzo rexistrando unha gran participación ao inscribírense un total de 30 montaxes e 327 candidaturas de profesionais que se postulan para as catorce categorías nas que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.

Tras a fase de inscrición, a AAAG iniciou xa a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do corpo asociativo da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais do abril na tradicional Festa de Finalistas, que se celebrará na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O prazo de votacións estará aberto até o 18 de abril ás 15.00 h.

Os Premios de Teatro María Casares son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión teatral. Este ano, a entrega celebrarase o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro. Ese día entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade, e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que neste 2022 redactou o actor Fernando Dacosta.

Espectáculos inscritos nos XXVI Premios de Teatro María Casares

Espectáculo

Compañía

1

...e poñerán esposas ás flores...

Stracciatella Teatro

2

A cazola de Lola

Tanxarina

3

A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño

Centro Dramático Galego /

Companhia de Teatro de Braga

4

A Illa da deslembranza

Ártika Cía.

5

A lúa vai encuberta

Incendiaria / A quinta do Cuadrante

6

A parábola do angazo

Talía Teatro

7

Alén

A Formiga Producións Teatrais

8

Ás para Álex

Baobab Teatro

9

Cigarreiras

Contraproducións / Teatro Romea

10

Comando Comadres

Matrioshka Teatro

11

Cubo

Elefante Elegante

12

Do pracer e da Morte

A Feroz

13

Dolls, a mirada das que sobran

Agulla Produccións

14

Drop

Pistacatro produtora de soños

15

Eurovisión (O fake show)

Bucanero

16

Gloria nacional

Teatro do Noroeste

17

Hugo

Os Náufragos Teatro

18

Leonardo e os Biosbardos

A Xanela do Maxín

19

Libre coma os paxaros

Teatro do Atlántico

20

Morgana en Esmelle

Sarabela Teatro

21

O charco de Ulises

Centro Dramático Galego

22

O neno Groba e Música

OGCA

23

Othello

Voadora

24

Quixote

Pedras de Cartón

25

Reino de Extinción

Amorodio Teatro

26

Serva me Servabo te

Centro Dramático Galego

27

Soga e cinsa

Aporía Escénica

28

Technocracia

Funboa Escénica

29

Terceiro acto

Centro Dramático Galego

30

Todo nunha noite

Abismo Caracol