Volver

Un total de 36 espectáculos e máis de 300 profesionais inscríbense nos XXVII Premios de Teatro María Casares

A primeira rolda de votacións xa está aberta a un censo de votantes de máis de 450 profesionais do sector escénico, conformado por actores, actrices, directores e directoras asociadas á AAAG, responsables de programacións, xornalistas, críticos, finalistas e gañadores/as de edicións anteriores

A finais de febreiro coñeceranse as propostas finalistas para as 16 categorías nas que se dividen os María Casares, que neste 2023 engadiron dous novos galardóns: mellor dirección de movemento e mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas

Un total de 36 espectáculos e máis de 300 profesionais concorren aos XXVII Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados de forma anual pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coa colaboración habitual de institucións e entidades como son a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis. O proceso de inscrición, realizado integramente a través da web da AAAG, finalizou o pasado 9 de xaneiro rexistrando unha gran participación. Desta volta, 36 montaxes postúlanse nas dezaseis categorías nas que se dividen os premios dende este 2023, ano en que se crearon dous novos apartados (dirección de movemento e espectáculo de monicreques). Os María Casares concederán así os seguintes 16 premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, espazo escénico, espazo sonoro, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección de movemento, dirección, espectáculo, espectáculo infantil e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

Tras a fase de inscrición, a AAAG inicia hoxe, mércores 25 de xaneiro, a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do colectivo de membros da AAAG, poderán votar responsables da xestión e da programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das dezaseis categorías, que se darán a coñecer a finais do mes de febreiro.

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión teatral. Este ano, a entrega celebrarase o xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Deste xeito, tras tres edicións que se viron afectadas pola situación sanitaria, a gala dos María Casares volve celebrarse na semana do Día Mundial do Teatro, que se conmemora o 27 de marzo. Durante a gala, entregaranse ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade cuxa traxectoria contribuíu significativamente ao desenvolvemento do sector, e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Espectáculos inscritos nos XXVII Premios de Teatro María Casares

Espectáculo

Compañía

A Peste

Centro Dramático Galego

Alma de Tigre

Elefante Elegante

AMANTIS, selfies, sexting e outras formas de amar(se)

Rebordelos

Arraianos

Sarabela Teatro

Arte sen guión

Galeatro

As Mapoulas

Laboratorio Escénico

Ás oito da tarde, cando morren as nais

Centro Dramático Galego

As que limpan

A Panadaría

Come and Go

Helena Salgueiro

Continente María

Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante

Esas Cousas Marabillosas

Empatía Teatro

Hotel Europa

Señora Supina

Mentres dure a canción

Producións Dispersas

Miss Docet

Compañía Eléctrica

Morte accidental dun anarquista

Talía Teatro

O Deus do pop

Diego Anido

O Péndulo

Inversa Teatro

O Porco de pé

Producións Teatráis Excéntricas

Papagena

ButacaZero

Páxaros no cabo

Pistacatro Produtora de Soños

Pirolíticos

Producións Teatráis Excéntricas

Ragazzo

Barrosanta

Recortes, caneos e outras formas de driblar

Ainé Producións e Centro Dramático Galego

Relato para un incendio

aAntena

Sen lingua

Serea Teatro

Smoke on the water

Ibuprofeno Teatro

The Witch, un espectáculo ritual

Cía Diana Sieira

Último verán en Santa Cristina

Teatro do Noroeste

A Barca do Inferno

Nauta Teatro

Dinosaurios. O regreso dos Saurios

Monicreques Larei Lará

Raio The Loubican

Mircromina

Xela contra o Dragón Traga-verbas

Títeres Cachirulo

A Meiga da Fonte

Escola Galega de Teatro Musical

A nena que vivía nunha caixa de mistos

Caramuxo Teatro

Ninja

Teatro Ghazafelhos

Wombo Combo

Galeatro