Volver

Cara ás vinte edicións dos Premio María Casares

O próximo mes de marzo celebrarase a vixésima edición duns premios de Teatro que naceron en 1997 cun proceso colectivo e un amplo apoio da profesión. Repasamos orixes da gran festa do noso teatro

“Faltaba un ámbito de promoción da nosa actividade. Non da Asociación, senón da produción teatral en si mesma. Cumpría darlle visibilidade cuns premios que servisen, ademais, para contar cunha festa anual do noso teatro”. Con estas palabras, Evaristo Calvo, antigo presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia , detalla as motivacións polas cales se decidiu impulsar os Premios de Teatro María Casares, cuxa primeira gala se celebrou no Teatro Rosalía de Castro da Coruña en 1997. Ese ano, no mes de marzo, o teatro do país festexaba os primeiros galardóns propios da profesión. Promovidos pola AAAG e compartidos por todo oficio. Así remataba unha sorte de orfandade en canto a premios se refire que, durante algúns anos, privou aos profesionais dun recoñecemento público. Enchíase o baleiro, emendábase o desacerto. E contábase, ademais, coa colaboración de Sargadelos e Isaac Díaz Pardo, quen cedeu o deseño das xerras que dende a primeira edición até hoxe se entregan aos gañadores.

Non sería de todo exacto asegurar que, até a chegada dos María Casares, todo era terreo vougo. Antecedentes houbo. E para todos os gustos. O primeiro deles foron os Premios Compostela, organizados polo grupo El Correo Gallego. “Os Premios Compostela foron, na súa medida, un antecedente previo. Partían a través do que foi no seu momento unha sección do xornal centrada na crítica e da que se encargaba o xornalista e escritor Antón Lopo. Foi, en gran medida, unha iniciativa que partiu del. Pero non durou demasiadas edicións”, lembra Mabel Rivera. Así comezou, en palabras de Evaristo Calvo, “unha orfandade da profesión” no campo dos premios.

Talvez preparándose para curar a perda, a AAAG principiou a organizar en paralelo aos Premios Compostela unha cerimonia con bastante ironía, moito humor e un chisco de mala baba: os Cigala de Ouro. “Eran uns contrapremios irónicos, facíanse para divertirnos e rirnos de nós mesmos. De feito, tiñan lugar en discotecas”, rememora Luma Gómez. “O Premio era un paquete de Arroz a Cigala. Ese era o nivel no que andabamos. Entregábaselle ao conselleiro de turno ou tamén a alguén da profesión, segundo as cousas que pasaban. Totalmente irónico”, engade Rivera.

Con eses alicerces -un serio (pero alleo) e outro propio (mais humorístico)-, agromou na Asociación a necesidade de cubrir, unha vez máis, un baleiro. “Seguramente, o Cigala de Ouro significou un xermolo para impulsar uns premios máis serios. Presentábase a oportunidade”, explica Rosa Álvarez.

A conexión coruñesa

Naquelas alturas, na Coruña, estábase a traballar por crear uns premios serios para toda a profesión. “Queriamos uns premios que fosen un altofalante e queríamos que tivesen o nome de María Casares porque unha persoa da súa talla non podía quedar no esquecemento”, lembra Lino Braxe que, xunto a Antonio Simón, comezaron a xestar na súa cabeza uns galardóns nos que Simón achegaba “unha certa cobertura política” ao contactar con Méndez Romeu, concelleiro daquela altura, “quen se amosou moi interesado no asunto”. Pola súa banda, Braxe proprocionaba o contacto con María Casares, a quen xa coñecía e visitara en París. “Eu chameina para ver se aceptaba o convite de bautizar os premios co seu nome. Hai que ter en conta que ela prometera non volver a España e era un tema delicado. Por iso chameina, pero dende un sitio tranquilo, dende os estudos de Radio Nacional. E comenteille que ían ser uns premios feitos dende a profesión, polos actores e actrices, non polas institucións. E celebraríase na súa cidade natal, na Coruña”, lembra Braxe. A actriz, finalmente, deu o seu visto bo e Braxe conclúe que esas condicións sempre se mantiveron.

O seguinte paso foi a implicación directa da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Era a representación do oficio no país e, polo tanto, a entidade que podía levar a cabo uns premios que, como se lle ofreceu a María Casares, serían organizados por e para a profesión. Como non podía ser doutro xeito e seguindo coa tradición do asociacionismo teatral en Galicia, a AAAG quixo que a fundación dos premios transcendese no oficio. “Celebrouse unha asemblea convocada por parte da Asociación, pero aberta a todo o oficio. Todos e todas tiñamos que estar alí, estar de acordo neses premios”, sinala Álvarez. O proceso de constitución dos galardóns, seguiu un proceso asembleario, aínda que houbo tres persoas que se implicaron en gran medida na organización e produción. “Lino Braxe, Antonio Simón e Xavier Estévez foron os que máis se implicaron na organización dos primeiros premios, formaban unha especie de comisión.”, sinala Evaristo Calvo, que por aquela altura ocupaba a presidencia da AAAG.

A elección de María Casares para bautizar os premios acadou así gran consenso na profesión. “A escolla respondía a unha dobre motivación. Por unha parte interesada: queriamos un premio que tivese un nome de prestixio. María Casares tíñao, contaba cun recoñecemento internacional. Por outra banda, estaba o desexo de facer unha homenaxe de María Casares, unha muller que tivo que exiliarse”, lembra Evaristo Calvo. Malia que a vontade da actriz era acudir á primeira das galas, o seu pasamento impediuno. Non puido ser.

Implicación do Concello

Dende a fundación dos Premios de Teatro María Casares, a cidade da Coruña converteuse na súa sede oficial. O Rosalía de Castro acolleu dende 1997 as dezanove galas celebradas até este 2015. Esa colaboración estreita débese ao interese das diferentes corporacións por promover a figura dunha herculina ilustre. “Apareceu a opción de que o Concello, ao tratarse de María Casares, estivese interesado en enxalzar a súa figura, en que as galas se celebrasen alá e de poñer unha parte da infraestrutura. E así foi”, sinala Luma Gómez. E dende aquela, independentemente da cor dos gobernos, non se rompeu unha colaboración que nas súas orixes tivo a súa importancia, como xa se sinalou, Antonio Simón. “Tivo moito que ver que, naquela altura, a relación que Antonio Simón tiña co Concello da Coruña, con Méndez Romeu. Partiu de aí”, resume Gonzalo Uriarte, primeiro presidente da AAAG.

Este é o resumo apurado, o percorrido urxente pola historia duns galardóns que o próximo 2016 celebrarán a súa XX edición. Dende aquel 1997 até hoxe, centos de profesionais presentáronse ás catorce categorías coas que conta na actualidade o galardón e 19 persoeiros e entidades recibiron os Premios de Honra Marisa Soto. Dende Agustín Magán, o primeiro premiado, até Vicente Montoto, pasando por Maruxa Villanueva, Dorotea Bárcena ou a celebración colectiva dos 25 anos de teatro profesional. Ademais, nestes anos promoveuse tamén o Manifesto do Teatro Galego, redactado e lido durante a gala por persoeiros como Suso de Toro, Xurxo Borrazás, María Xosé Queizán, Méndez Ferrín, Cesáreo Sánchez e Ramón Villares.