Volver

MANIFESTO GALEGO NO DÍA DO TEATRO, por Suso de Toro

O escritor Suso de Toro foi o primeiro autor a quen se lle encargou a elaboración do Manifesto Galego do Teatro.

SON VOSTEDES UN DESASTRE

“Literatura escritores”, case son palabras que se escriben con maiúsculas. En todo caso, buscado polos escritores ou non, e eu creo que buscado; “escritor” é unha palabra que parece ter vocación de maiúscula académica e solemne.

É certo, o escritor, os escritores, buscan respectabilidade, teñen medo da súa propia natureza e foxen da súa condición e queren ser cortesáns ou académicos. Os traballadores do irracional, os que mexen e remexen na grima, na dor, na crueldade, nas máis baixas paixóns (todas son bastante baixas) fan coma que todo ese sangue e pus escrito non ten nada que ver con eles. Eles non, eles son xente normal, persoas decentes e educadas... “Eu esas cousas escríboas, pero non as penso. Por favor!” Cuadrilla de dexenerados e anormais. E aínda por riba hipócritas. Iso é o que somos.

Vostedes non, xente do teatro, vostedes xa se sabe. Son todo iso, dexenerados e anormais, coma todos, mais vostedes non o disimulan ou se cadra é que non o poden disimular. En todo caso non engana con hipocrisías. Chamaron algunha vez a algún de vostedes para algún séquito? Para presidir mesas ou actos oficiais? Hai moitos de vostedes nalgunha academia? Non, señor. Non val de nada que ademais de actores sexan dramaturgos, escenógrafos, que se colguen dun arame. Nada, só serán vostedes respectables se se afastan desa táboas as que tanto lles gusta a vostede subirse para pintar o indio. A vostedes, teatreiros, prefiren botarlles uns pesos mais ou menos á repañota coa idea de telos a distancia. E por que non os chaman cando se trata de dar lustre? Queren que llelo diga? Pois porque non o merecen. Porque vostedes non prestixian unha mesa nin un acto, son vostedes uns impresentábeis. Porque non poden agochar o que son, cómicos, que son vostedes uns cómicos, uns teatreiros. Porque son vostedes xente de mal vivir, porque viven simulando e quérennos facer ver aos demais. que somos un simuladores, que tamén xogamos aos roles nas nosas vidas. E iso, dicirnos que todos actuamos, é absolutamente intolerábel. perdoen que llelo diga así na cara. E non obstante...

Non obstante, son vostedes o verdadeiro rostro da literatura, son vostedes o noso verdadeiro rostro e a nosa verdadeira estatura. Que non é o alto das estatuas, senón o alto da carne. Son vostedes os sacerdotes e sacerdotisas do rito humano. O rito da carne.

Son vostedes os corpos que pasan frío nos ensaios neses locais húmidos e sen ventilación, quen súa ao correr polo escenario, que cospe cando berra, quen se manca se cae mal, quen actúa con febre... Son vostedes o músculo, o nervio e o óso da literatura, quen camiña, se arrastra, chouta, cae, berra, ri e chora. Son vostedes quen transforma a materia morta, tinta das palabras escritas na carne que fala. Son vostedes quen sacrifican unha parte da súa humanidade e a expoñen nese altar de táboas para redimirnos a todos de tanta parvada, de tanta inhumanidade, de tanto engolamento mortuario,

Non, dende logo que non son vostedes xente nada formal. Déixenme que lles diga co corazón na man que son vostedes uns cantantes, uns teatreiros, uns cómicos e uns farsantes. Son vostedes da canalla e non teñen pudor ningún en exhibir publicamente o que nos incomoda: A nosa envexa, o nosos odio, o noso desexo, a nosa piedade, a nosa indignidade, a nosa covardía, o noso valor. Todo iso que hai que ocultar porque calquera sabe que é de mal gusto. Emocionarse non é en xeral de bo gusto, é sabido. Son vostedes o mellor do que hai en nós, unha cousa que como a carne viva esfolada temos medo a tocar porque dá dor e grima. Son vostedes os irmáns balas perdidas que levan canda si os soños de infancia aos que soubemos servir.

Perdóennos aos que andamos aí paseando o noso busto, estatuas solemnes, meus irmáns, miñas irmás inconfesábeis. E tampouco vaian contando que me viron entre vostedes ou tampouco chegarei a nada.

SUSO DE TORO