Volver

“María Casares autoasumiu a lenda negra dos Casares, o estigma propio dunha familia marcada polo destino tráxico dos perdedores”

O historiador Emilio Grandío, profesor titular e doutor en Historia da Universidade de Santiago de Compostela, centrou a súa traxectoria investigadora no marco da memoria histórica no contexto galego, prestándolle especial atención á cidade e á provincia da Coruña.

Entre as súas obras, pódense distinguir títulos como Los orígenes de la derecha gallega. La Ceda en Galicia (1998), Años de Guerra. A Coruña 1936-1939 (1999), A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia ou Vixiados (2011). Sobre a figura de Santiago Casares Quiroga, pai de María Casares, Grandío ten coordinado volumes como Casares Quiroga. La forja de un líder (2011). Dado o seu perfil de investigador, falamos con el para furar nas orixes desta intérprete universal.

Quería comezar preguntando polas orixes familiares de María Casares. Nela conflúen dúas ramas ben diferentes. Por parte do seu pai, Santiago Casares Quiroga, procede dunha familia burguesa de clase alta. Pola contra, a súa nai pertence a unha clase social diferente. Como combinaron esas dúas personalidades de escala social tan diferente? Como influíron esas orixes familiares en María Casares?

Son dúas personalidades que combinan ben. Cada un deles tiña unha vida pasada diferente e no caso de pai, Casares Quiroga chegou ao matrimonio con Gloria cunha filla dunha relación previa. Cando casaron, esa filla -Esther- foi aceptada por Gloria e foi recoñecida como filla lexítima por Casares Quiroga. Esa situación non era precisamente habitual na época, polo cal este feito xa nos serve para entender como funcionaba esta familia. Explícome. As decisións que tomaban Casares Quiroga e a súa muller dános unha imaxe concreta e máis real que a poderíamos intuír a simple vista. O perfil de Casares non é, como se podería pensar pola súa ascendencia, de distanciamento social nin de elitismo. Nunca crearon unha estrutura familiar ríxida e tradicional. Como matrimonio funcionaban de forma moi autónomo e moi individualista. El dedicábase á política, pero a súa muller non era de quedar na casa. Era diferente, tiña unha máis que notable proxección social. Tiña unha vida, unha actividade social, un papel que non se reducía unicamente a ser “muller del”. A imaxe de Casares Quiroga e a súa familia, malia poder encadralo nun marco burgués con todo o que iso implica, non é elitista no comportamento social.

E que imaxe tiña realmente Casares Quiroga na época na Coruña? Que representaba nesa cidade que, cando se proclamou a República, foi recibido coma un heroe, manteado de ombeiro en ombeiro por unhas rúas ateigadas mentres a xente berraraba “Viva Casaritos”?

Representaba o príncipe destinado a gobernar. Era o candidato a encabezar un proceso democrático e modernizador en Galicia e en España. Un líder sen dúbida, pero un líder incomprendido na súa dimensión e do que fai falla ter sempre presente unha serie de cuestións.

En primeiro lugar, hai que ver como foi o desenvolvemento político de Casares antes de 1931. Iniciou a súa carreira política no agrarismo, iso convén telo claro. Despois, hai outro elemento moi interesante e que se ignora habitualmente. Casares Quiroga foi realmente quen se encargou de establecer relacións cos anarquistas e cos movementos obreiros para a conformación da Fronte Popular. Se foi el e non outro, era principalmente porque dentro da burguesía era realmente o único que tiña afinidade cos movementos obreiros. E érao pola traxectoria que levou os anos previos da proclamación da República.

Eses vínculos co movemento social eran fortes e esa é a explicación desas imaxes, desas fotos dunha Coruña ateigada de xente coreando a Casares Quiroga e que tanto impactou a María Casares sendo nena. Berrábanlle “Viva Casaritos!” e ía de ombreiro a ombreiro sobre a masa. Realmente, non sei se habería un recibimento dese calibre a persoas concretas, líderes individuais, durante a proclamación da República.

E por que se produce no caso de Casares Quiroga?

A esas alturas, nos anos trinta, as masas non as movían a burguesía. Era o movemento obreiro quen tiña capacidade de mobilización. E son esas masas quen levan a Casares Quiroga de ombreiro en ombreiro, precisamente polos seus contactos coa clase obreira. E nese día, hai unha frase moi clara que a María Casares lle quedou gravada. Xa cando Casares chega ao balcón da súa casa, acompañado da familia, dille á súa muller: 2Gloria, en dous anos tiraranme laranxas”. E así foi. Esa imaxe tan potente aparece nas memorias de María Casares.

E como chegaron as laranxas?

Casares Quiroga converteuse nun espadón da represión do movemento anarquista ao ocuparse da carteira do Ministerio da Gobernación. Esa ambivalencia pode parecer contraditoria, mais non o é. Porque ao chegar a ese cargo cumpre coas súas funcións e ten que aplicar a lei da República. No fondo, hai moito de pragmatismo en Casares Quiroga en relación ao movemento obreiro, porque el era consciente de que sen as masas obreiras nin se chegaría a República nin se mantería. E non é un perfil contraditorio, xa que seguiu mantendo esa relación antes e despois de ocupar o ministerio da gobernación.

Como chegou o desprestixio de Casares Quiroga e a súa familia na Coruña? Sabemos que durante o Franquismo, con Casares no exilio, espoliáronlle a casa, quixéronlle retirar mesmo a partida de nacemento...

Si, mais non chegou a pasar. Si houbo un comunicado asinado polo gobernador civil, militar por suposto, que chegou aos xornais e no que se ameazaba con quitarllo. Mais non se materializou nese estremo. Hai unha partida de nacemento de Casares Quiroga que xamais se eliminou. Existe, está no rexistro.

Daquela forma parte da lenda esta historia?

Non sei se da lenda... A ver, en todas as comunidades locais, os rumores teñen un peso fundamental nos procesos de comunicación e para que callen certas realidades, sexan certas ou non. Que algo cho diga alguén coñecido é, ás veces, máis efectivo que lelo nun medio. Nunha comunidade como a da Coruña, igual que outras moitas, o mecanismo é ese. E hai que ter en conta que tras o golpe, a cidade cambiou por completo. E o comportamento social tamén, claro. Dese xeito, todos os que eran considerados prohomes e referentes da sociedade republicana pasaron, da noite á mañá, a seren apestados. O rumor aí xoga un papel importante e asumiuse a destrución da partida de nacemento como unha realidade.

A dicir verdades, a lenda dos Casares é, no fondo, unha lenda negra. Até certo punto é un estigma que teñen e que, dalgún xeito, autoasumiron. Nese sentido, a mellor fonte que temos para visualizar como se perciben a si propios os Casares son as memorias de María. E as súas memorias son de grande amargor. Asume, en certo xeito, esa lenda ou, dito doutro xeito, unha sorte de... un autoasumir o destino tráxico dos perdedores, coma se a familia estivese marcada por ese destino. Iso unido a que pouco houbo de proceso de reparación sobre a familia Casares fai que os recordos positivos queden sumidos nas súas memorias cunha certa aura agoniante e impide, por outra banda, sentir unha satisfacción polo deber cumprido durante a República. Si, esa lenda é autoasumida pola propia María Casares. Asúmese esa derrota dun xeito incapaz de razoar. O drama é moi forte, o trauma tamén.

Pero o desprestixio chegoulle xa na República, xusto o día do golpe. Culpárono de todo, acusárono de non reaccionar a tempo ante os golpistas, de negarse a armar os obreiros e tivo que dimitir co descrédito devorando a súa figura. Foi naqueles días que comezou a lenda negra?

Neste punto non sei se falar de lenda ou non... A ver, imos ver... Santiago Casares Quiroga aparece na historia realmente dun xeito moi plano. Non hai un arquivo privado del nin unha soa frase propia que explique os feitos dende a súa perspectiva. Se lemos o que aconteceu antes, durante e despois do 18 de xullo do 36, centrándonos nos feitos e non no que se di por aí... Pois podemos ter lecturas diferentes. Imos ver, os feitos. Cales son os feitos?

Comezamos por cinco días antes do golpe de estado. O proceso de dimisión de Casares vén precedido por unha carta de dimisión escrita despois do asasinato de Calvo Sotelo e rexeitada por Azaña. É un momento crítico. O asasinato rompe a baralla por completo. Como sabemos o asasinato de Calvo Sotelo non provoca directamente o golpe. Para nada. O proceso do golpe vén de atrás e, ademais, hai cinco procesos de golpe que converxen que nun.

Máis feitos. O 17 de xullo comeza a percibirse en Madrid que están para sublevarse en Marrocos. Casares vai falar con Azaña e nesa entrevista e pola mañá xa do 18.. Sae unha dimisión de Casares. O que se di habitualmente, o que se deu por feito é que Casares non quería armar os obreiros. Cúlpano diso. Azaña acepta a dimisión e chama a Martínez Barrio para formar goberno.

Aí comezan as cousas a non cadrar, por que? Se Casares representaba certa unidade co obreirismo, Martínez Barrio representa unha liña nada afín aos obreiros. Os movementos obreiros reaccionan a posibilidade de que Martínez Barrio chegue ao goberno montando manifestacións. Indalecio Prieto, pola súa banda, ameaza con que os socialistas saian do goberno se se confía o Executivo a Martínes Barrios. Dadas as circunstancias, Martínez Barrio non se converte en presidente do goberno e é José Giral o elixido. E que pasa na noite do 19? Pois que Azaña lle di a Giral que arme os obreiros.

Só hai dúas persoas que, nas súas memorias, contradín o que se acabou aceptando por completo sobre Casares Quiroga e a súa negativa a armar o movemento obreiro. O primeiro deles é Portela Valladares que é un home que para nada querería defender a Casares, pero para nada. Pola contra, a outra persoa si estaría interesada en defendelo: María Casares. Nas súas memorias di en tres liñas que seu pai si quería armar os obreiros, pero que foi Azaña quen se negou. A Azaña preocupáballe unha segunda revolución.

Daquela, que pasou realmente? Uns, a maioría, di que Casares se negou a armar os obreiros, por iso Azaña nomea a Giral... Pero aí falla algo. Quero dicir, se a intención de Azaña era armar os obreiros, porque escolleu antes a un Martínez Barrio que, baixo ningún concepto, faría tal cousa. É que non encaixa nada.

E por último, hai outra persoa que podería falar do asunto: o propio Casares Quiroga. Mais non o fixo, non deixou nada por escrito, ningunhas memorias. Nin sequera un apuntamento na marxe dun folio, nada.

Nunca se manifestou ao respecto?

Non. E unha explicación lóxica ao seu silencio pode estar na súa filla Esther. María Casares e a súa nai marcharon ao exilio pouco despois do comezo da guerra. Santiago Casares Quiroga tamén, mais Esther non puido marchar. Sufriu a represión na Coruña, non a deixaron marchar e só cando morreu o pai, puido iniciar o exilio. A verdade, con Casares Quiroga hai un asañamento claro que condiciona o seu silencio. “Non vou falar nin vender libros xustificando nada cando teño a filla nas súas mans, no cárcere, baixo represión”. Iso foi o que debeu pensar. É unha lóxica humana.

María Casares nas súas memorias fala de dous exilios. O primeiro, o que implica marchar de Galicia a Madrid. O segundo, a partida a Francia. No primeiro tránsito hai desapego, mais non a urxencia nin a miseria que implicaba o segundo...

Esa visión do destino tráxico, ese amargor e ese sentimento de derrota sobre o destino dos Casares está moi presente á hora de facer as súas memorias. E no proceso da escrita de facer unhas memorias, esa visión do destino reconstrúese. E imprégnao todo. Os anos da nenez, os felices anos na Coruña, vense a través dun cristal escuro por mor do trauma, da guerra, da morte. Despois, no fondo, para María Casares é duro recoñecerse non como María Casares, senón como a filla do presidente do que todo o mundo pensa que conduciu á guerra, que non soubo como evitala.

E neste sentido hai unha ausencia clara nas memorias, porque... A ver, realmente podemos pensar que unha persoa como María Casares non lle ía preguntar a seu pai que que pasara realmente naquelas horas? De verdade podemos crer que esa pregunta non tivo lugar? É imposible que María non lle preguntase a Casares Quiroga: “Que fixeches realmente?” E o que realmente non me explico é que se lle preguntou algo, que seguro que o fixo, por que non escribiu nada nas súas memorias. Ela, cando as escribiu, era libre. Podía facelo libremente e non o fai. Por que non?

Sobre os exilios... A dicir verdade, nunca foi capaz de sacar de enriba a sensación de exilio, de só ser parte dun sitio chamado ningures. Iso nunca o superou e quedou marcada por esa sensación. Malia todo, malia sentirse parte de ningures, si que tiña claro unha cousa: formaba parte dun bando. Por iso en Francia asume certos compromisos, ponse a traballar para a Resistencia, ponse a colaborar cos refuxiados españois... Ten unha vida moi compremetida e complexa... E se son sincero, a min chámame moito a atención que, aínda que conta todo o que conta, a gran frase política das súas memorias é simplemente a famosa frase de seu pai: “Gloria, en dous anos vanme tirar laranxas”. Ten que haber máis, máis lembranzas, máis posicionamentos claros... Pero non os expresa. Nada.

Que relación mantivo María Casares co republicanismo no exterior por un lado e, polo outro, co galeguismo no exilio? No caso da diáspora galega, hai imaxes dunha homenaxe en Bos Aires con Blanco Amor, Luís Seoane, Tacholas...

Nestas relacións eentran en xogo dous factores. Por un lado, está a lembranza do pai. E non só a lembranza, tiña que haber máis cousas que superasen a política, xa que a memoria do pai no republicanismo era máis ben negativa. Malia todo, a relación que ten María co republicanismo é por ser filla de quen era, aínda que tamén cumpre un papel moi determinado: é unha filla da República. En resumo, simboliza moitas cousas. Despois, está o segundo factor: Ten un prestixio e un recoñecemento público moi amplo en Francia. Alí é unha eminencia e está claro que se aproveita o seu prestixio e as relacións artísticas e persoais que mantén con persoeiros como Sartre, Camus e toda a intelectualidade da época.

En certo xeito, instrumentalizábana, non?

Si, pero non. É dicir, era un uso consciente e consentido. Ela accedía conscientemente a segundo que actos republicanos ou do exilio galego, primeiro por unha concordancia política. Se non houbese unha vinculación ideolóxica cos seus pensamentos políticos non iría. E se se traizoase a memoria do seu pai nalgún acto, tampouco o faría. Iso está clarísimo.

Como historiador, as memorias de María Casares resúltanlle frustrantes? Refírome ao que comentabamos antes: a ausencia de respostas sobre a actuación de seu pai no inicio do golpe do 36.

Non, non son frustrantes. A ver, dende o punto de vista que me atinxe, si que boto en falla certas cuestións sobre aquel inicio da Guerra Civil. Poderíase achar alí, a través da filla, unha versión aproximada do pai sobre os acontecementos. Pero non diría frustrantes, aínda que si me abraia o grao de disciplina que ten para agochar as orixes da súa traxedia. Para min, e malia que parece unha autobiografía moi expresiva e emocional, as memorias semellan neste aspecto moi contidas. Porque xorden moitas preguntas e non hai respostas. E estas memorias, xa o indican o título, son as memorias da María Casares española, da refuxiada española. E desa parte da súa identidade... Pois quedan baleiros.

Pero é que o propio pai tamén era de baleiros. Explícome. Da biografía de Casares Quiroga hai cousas que descoñecemos e outras das que se fala moi pouco. Por exemplo, un feito curioso é que Casares recibiu a Lexión de Honor Francesa por feitos acontecidos na Primeira Guerra Mundial. Ten esa distinción, pero non sabemos por que. Non se explica en ningures, nin nos arquivos franceses. Estamos a falar do ano 1917 ou 1918 e a esas alturas Casares Quiroga non era Casares Quiroga. E aínda así, ten esa distinción. Por que? Hai teorías sobre o seu traballo con refuxiados de guerra, por exemplo, pero pouca cousa. O que quero dicir é que hai unha serie de cousas sobre el, relacións súas, lugares nos que estivo e accións que emprendeu das que non sabemos nada... E non será fácil sabelo nunca, porque non hai fontes. Non hai arquivo persoal, non hai unhas memorias, non hai apuntamentos de valor.

Ao igual que as memorias de María Casares, falamos moito do seu pai; pero moi pouco da súa nai, Gloria. Sobre ela tenme comentado, en conversas previas a esta entrevista, que era un personaxe moi interesante e moi importante para a propia María Casares.

Naquela época, hai unha serie de próceres que durante os anos vinte e trinta eran símbolos de modernidade. Eran homes con cartos e influencias, pero que pensaban de forma distinta e estaban en desacordo cos que gobernaban. Cando chega a República, estes homes vólvense en faros de modernidade. As súas mulleres, é a época que, non eran suxeitos políticos, non traballaban na política directamente. Non obstante, mulleres como Gloria convertéronse en imaxes políticas. Eran mulleres que tiñan vida máis alá de ser “mulleres de”. No caso de Gloria cumpríase este perfil que rompía cos sectores tradicionais de Galicia e España. Eran un símbolo da muller republicana, unha imaxe política en si propia... O golpe, claro está rematou con todo iso, freouno por completo. Por iso creo que a figura do nai é moi importante para a persoa María Casares.

Como definirías nuns poucos trazos a María Casares?

Unha muller fiel ao seu pasado, o cal non quere dicir que o seu pasado fose agradable para ela. Por outra banda, pensemos que María Casares non quere ter fillos e en gran medida non quere deixar legado... Refírome no ámbito familiar, non no artístico ou intelectual. No fondo, actuaba coma se os Casares remataran nela. Eu véxoa moi cativa desa sensación de derrota, de amargor. Penso que talvez púxose uns barrotes dos que non pode escapar. Para ela, a súa vida era unha viaxe sen saída. Remataba aquí.