
Por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) en colaboración coa Fundación SGAE organiza neste mes de decembro o ciclo de Lecturas Dramatizadas, que ten como obxectivo promocionar os autores para a difusión das súas obras, así como apoiar os autores e estimular a creación de textos en galego.
O ciclo de Lecturas Dramatizadas despídese mañá deste 2016 co texto Chuvia, de Julio Fernández, quen dirixirá a sesión na que participarán Josito Porto, Antonio Coucheiro e Roberto Leal. A cita será o martes 20 de decembro ás 21 horas na Sala Fundación SGAE (Rúa Salvadas, 2A. Santiago). O acceso é libre até completar as localidades do recinto.
‘CHUVIA’
Chuvia, de Julio Fernández, trata de Watt e Olf, dous homes cun marcado trazo intelectual, quen atopan na súa vivenda un home espido e refuxiado baixo unha cadeira, un home do cal descoñecen todo e co que non chegarán a ter contacto, agás do visual, mais que espertará neles especulacións de diversa índole. Non é este, con todo, o incidente de maior magnitude. De súpeto, e coma nun soño, a cidade derrúbase, e os tres homes volven atoparse no medio dos cascallos. Cun forte carácter alegórico e surrealista, Chuvia constitúese nun relato onde a inacción e a inercia dos seus personaxes contrasta co drástico devir dos acontecementos, e onde a expresión das emocións agocha unha insoportable incapacidade para asumir a preta existencia do outro.
Día: Martes, 20 de decembro ás 21.00 horas.
Lugar: Sala Fundación SGAE (Rúa Salvadas, 2A. Santiago de Compostela)
Dirección: Julio Fernández
Intérpretes: Josito Porto, Roberto Leal e Antón Coucheiro.