
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) iniciará o vindeiro mércores 30 de maio a súa iniciativa Escaramuzas artísticas, unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual en que reputadas voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista ao respecto de diferentes temas que atinxan aos/ás profesionais destas disciplinas. As Escaramuzas artísticas, ademais, buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo.
Deste xeito, durante as Escaramuzas combinaranse as opinións dos poñentes cos apuntamentos realizados por parte do público nun contexto ameno, arredado dos espazos académicos, mentres se pode degustar a carta da Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago (Avenida Burgo das Nación, s/n). Un ciclo que será gratuíto e aberto até completar o aforo, e que está destinado tanto aos/as profesionais do sector coma ao público xeral.
PRIMEIRA SESIÓN
A sesión inaugural do ciclo Escaramuzas Artísticas da AAAG terá lugar na cafetería do Auditorio o vindeiro mércores 30 de maio ás 20.00 horas e estará centrada no audiovisual. Baixo o título Ten cona o audiovisual galego?, a primeira Escaramuza analizará o papel, a proxección, o traballo e o recoñecemento das profesionais nas producións audiovisuais, facendo fincapé en aspectos clave como son a visibilidade, a igualdade profesional ou a perspectiva de xénero nos argumentos das producións audiovisuais en todas as súas vertentes, dende as series de televisión até o cine, pasando polas curtametraxes, documentais ou festivais.
O encontro estará moderado pola xornalista Marta Veiga e contará coa participación das realizadoras Olga Osorio e Noemi Chantada, a actriz e asociada Camila Bossa e o produtor José María Besteiro.
OS POÑENTES
Olga Osorio é unha recoñecida produtora, guionista e directora audiovisual. Entre as súas producións, destacan curtas e producións audiovisuais como son Mouras, reStar ou Einstein-Rosen. Pola súa banda, Noemi Chantada traballou en proxectos de cine como A Bella Otero ou Nove, a cociña do mundo, ademais de amosar o seu traballo en dirección de fotografía e a cámara en traballos como Espírito Rías Baixas ou Vigo in London. Como directora realizou o documental A muller invisible.
Camila Bossa é actriz e asociada da AAAG, coñecida polo gran público polos seus papeis en series como Mareas Vivas ou Matalobos. Formou parte de elencos de películas e telemovies como O ano da carracha, Heroína ou O club da calceta. Finalmente, José María Besteiro é produtor, xestor de dereitos e xornalista audiovisual. Como produtor, lanzou series de impacto televisivo como son Libro de Familia ou Pazo de Familia.