
Pedra (ou que)
Este laboratorio propón unha reflexión desde a práctica sobre os procesos de creación colectiva no eido da arte de acción, dirixido a creadorxs iniciadxs nas artes vivas
Papel (ou como)
Tomando como base a experiencia de Blanco&Roja en modos de traballo colaborativos tanto no deseño como no desenvolvemento do seu labor artístico, apuntarase cara o exercicio da performance desde o interese de compartir coas e cos participantes tódalas fases dun proceso de creación.
A sesión iniciaranse cun adestramento encamiñado a azuar o estado de alerta corporal e mental propio do xogo, dun estar concentrado e sensible ao contexto espazo-temporal e relacional externo. Traballarase despois de forma colectiva nunha serie de ferramentas que axuden a traducir as inquedanzas iniciais que activan o desexo de creación en formas concretas, á vez que se exercitarán os modos de lectura e análise conceptual destas como crítica construtiva ao facer propio.
Belisco (ou...)
A derradeira parte da sesión adicarase á posta en común dos beliscos que o traballo realizado deixou nos corpos participantes, para pasar a formalizalos como punto final.
Blanco&Roja
Blanco&Roja é un colectivo artístico formado por Alba Blanco (Vigo, 1981) e María Roja (Lugo, 1982).
Tralo seu paso pola Facultade de Belas Artes, derivan a súa formación cara o libro ilustrado e a creación escénica, respectivamente. A súa xuntanza xorde en 2014, cando volven coincidir no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e advirten a súa paixón común pola performance así como por unha similitude na forma de concibila. Dende entón compaxinan a creación persoal coa conxunta participando en diferentes mostras e eventos nacionais e internacionais e xerando ao redor dunha ducia de pezas que parten dunha proximidade co/coa espectador/a e dun gusto polo espazo público tentando reflexionar sobre o papel da muller dentro do eido da creación. O colectivo atópase tamén enrolado no desenvolvemento do proxecto SOPAPO, unha plataforma en rede para a difusión, creación e catalogación de material audiovisual vencellado coa performance.
Datas e duración: 18 de agosto, de 11.30h a 14.30h e de 17h a 20h. 6 horas
Lugar: Auditorio municipal do Carballiño https://goo.gl/maps/ebERLRwhNi42
Inscrición:
Enviando esta ficha de inscrición (msword - openoffice) completada, xunto a un cv artístico e unha carta de presentación ao mail formacion@aaag.es antes das 15h do venres 10 de agosto.
Prazas e selección do alumnado:
Este obradoiro ten 20 prazas. A admisión no obradoiro farase mediante valoración por parte das docentes do cv e dunha carta de presentación que teredes que anexar á vosa solicitude de inscrición.
Prezo: 40 euros
Se levas no paro 6 meses ou traballastes 10 días ou menos nese tempo, tes unha redución do 50% no prezo. Terás que presentar a tarxeta do paro selada ou copia da túa vida laboral para accederes a este desconto. Este desconto é exclusivo para socixs da AAAG e/ou AISGE.
Reserva praza e forma de pago
Comunicarase a listaxe de admisión o 13 de agosto. De haber máis solicitudes que prazas, constituirase unha lista de espera.
Na mesma comunicación de admisión indicarase a forma e datas de pagamento. No caso de que algunha das persoas admitidas non o efectúe nas datas indicadas, a súa praza será adxudicada á seguinte persoa na lista.
De non acadar solicitudes suficientes, a organización poderá suspender a realización do obradoiro.
Se tes algunha dúbida, podes contactar coa asociación no tlf 981 593 829