Os XXIII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 12 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos catorce galardóns nos que se dividen os María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, A Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis.
En total, nunha noite moi repartida, sete espectáculos gañaron algún premio. Commedia, de Contraproducións, conseguiu tres galardóns: espectáculo, actor secundario (Marcos Orsi) e vestiario (Suso Montero). Pola súa banda, Invisibles, de Redrum Teatro, levou outros tres premios: dirección (Marián Bañobre), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Santiago Coregoso e Marián Bañobre).
O servidor de dous amos, de Talía Teatro, acadou outros dous galardóns: Maquillaxe (Martina Cambeiro) e actriz secundaria (Marta Lado). Casa O Rei, de Ibuprofeno, acadou outros dous galardóns: actor protagonista (Miguel Borines) e música orixinal (Caxade) e Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, faise con outros dous: actriz protagonista (Iria Pinheiro) e mellor texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).
Finalmente, Divinas palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, leva un premio María Casares: escenografía (Suso Montero). Patapatúm, de Elefante Elegante, tamén se fai cun premio María Casares: mellor espectáculo infantil.
En resumo, os gañadores divididos por espectáculos son:
Commedia (3 premios): espectáculo, actor secundario e vestiario
Invisibles (3 premios): dirección, adaptación-tradución e iluminación
O servidor de dous amos (2 premios): actriz secundaria e maquillaxe
Casa O Rei (2 premios): música orixinal e actor protagonista
Anatomía dunha serea (2 premios): actriz protagonista e texto orixinal
Divinas Palabras Revolution (1 premio): escenografía
Patapatúm (1 premio): mellor espectáculo infantil.
En resumo, gañadores divididos por categorías:
MAQUILLAXE: Martina Cambeiro por O servidor de dous amos (Talía Teatro)
VESTIARIO: Suso Montero por Commedia (Contraproducións)
ILUMINACIÓN: Laura Iturralde por Invisibles (Redrum Teatro)
ESCENOGRAFÍA: Suso Montero por Divinas Palabras Revolution (Centro Dramático Galego)
MÚSICA ORIXINAL: Caxade por 'Casa O'Rei', (Ibuprofeno Teatro)
ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Marián Bañobre e Santiago Cortegoso por Invisibles (Redrum Teatro)
TEXTO ORIXINAL: Iria Pinheiro e María Lado por 'Anatomía dunha serea'
ACTOR PROTAGONISTA: Miguel Borines por Casa O'Rei (Ibuprofeno Teatro)
ACTRIZ PROTAGONISTA: Iria Pinheiro por Anatomía dunha serea
ACTRIZ SECUNDARIA: Marta Lado por O servidor de dous amos (Talía Teatro)
ACTOR SECUNDARIO: Marcos Orsi por Commedia (Contraproducións)
DIRECCIÓN: Marián Bañobre por Invisibles (Redrum Teatro)
ESPECTÁCULO: Commedia, de Contraproducións.
ESPECTÁCULO INFANTIL: Patapatúm, de Elefante Elegante.
A GALA
Os directores Juanillo Esteban e Carlos Sante dirixiron unha gala que trasladou o público congregado no Rosalía Castro da Coruña á época do Imperio Romano, ofrecendo un espectáculo no que se mesturou o teatro coas técnicas do novo circo. Así, intercaláronse números de portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica. O elenco estivo conformado por Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo Fiti. Ademais, Suso Montero encargouse un ano máis da escenografía da gala. Durante a mesma, o actor e dramaturgo Carlos Santiago leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibiron o Premio de Honra Marisa Soto. Entre as máis de 550 persoas que acudiron á gala, atopábanse autoridades como o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, ou o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Ademais, entre os convidados deste ano, estiveron presentes tamén a actriz Marisa Paredes e Chema Prado, antigo director da Filmoteca Nacional.
DISCURSO MABEL RIVERA
A gala, que non foi retransmitida pola TVG por decisión tomada pola organización ante a negativa do ente público de negociar unha mellora na retransmisión, contou co discurso de Mabel Rivera, vicepresidenta da AAAG. Rivera centrou parte da súa intervención en explicar o proceso seguido para tomar esta decisión. “Non conseguimos nunca que a gala se emitise nun horario razoable e pola primeira canle. Intentouse ano tras ano, pero este último non tivemos sequera a opción de expoñer directamente -e de negociar- as nosas peticións diante de alguén, sermos recibidas por alguén. E até aquí chegamos”, explicou Mabel Rivera antes de engadir que “nós somos os rostros, as voces, o talento nunha palabra, do audiovisual deste país. Moito antes de existir a canle autonómica, moitas de nós xa estabamos traballando nesta que é unha das manifestacións culturais máis sobranceiras do país, comprometida e pioneira, en certo modo no uso da lingua no directo co público dende a nosa profesión”.
Rivera, ademais, sinalou que “cando a televisión pública iniciou a súa actividade encontrounos preparadas para contribuír á normalización da lingua e da cultura do noso País dende a nosa profesión”. “Pensamos que a resposta por parte da canle pública non estivo nunca á altura desta contribución, e non só no tocante ao teatro senón a todo o panorama cultural de Galicia na súa diversidade, na súa calidade, na súa creatividade, na súa profesionalidade, nas diferentes manifestacións que enriquecen a vida cultural, a intelixencia e o espírito crítico da xente do País, e que a canle pública ten a obriga de ofrecer en toda a súa amplitude. Pois ata aquí”, concluíu Mabel Rivera.