
Queremos manifestar o noso apoio ao socio Fernando Dacosta tras os ataques que Democracia Ourensana realizou en redes sociais a través das súas contas e das que se fai eco Gonzalo Pérez Jácome, que ostenta o goberno da cidade e da que é máximo representante.
Nestas publicacións, o amentado alcalde verte unhas graves e inxustificadas acusacións contra a persoa de Fernando Dacosta e contra a súa dignidade persoal e profesional, avalada por anos de traballo a prol da cultura, tanto da cidade de Ourense como das artes escénicas de Galicia.
A AAAG entende estas novas declaracións de Democracia Ourensana, e do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, como un paso máis na estratexia de acoso e derriba do tecido cultural da terceira cidade de Galicia. Unha campaña de descalificación contra todos os axentes culturais que teñen manifestado a súa oposición á política cultural, ou á ausencia dela, da que fai gala o actual alcalde.