A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, convoca os XXVI Premios de Teatro María Casares. O prazo de inscrición está aberto xa dende o 14 de febreiro até o 10 de marzo. Nestas semanas, as compañías de teatro poderán inscribir os seus espectáculos, como tamén os/as profesionais que participan nos mesmos, nos galardóns do teatro galego que neste 2022 chegan á súa 26ª edición. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor/actriz en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021. Ademais as obras estreadas no último trimestre de 2020 que non concorreran xa aos premios na edición anterior, poderán participar na convocatoria deste 2022.
Tras o prazo de inscrición, abrirase a primeira rolda de votacións para que o censo (conformado por preto de 450 persoas da profesión, entre asociados/as da AAAG, finalistas e gañadores/as de anos anteriores, programadores/as da Rede Galega de Teatros e Auditorios, críticos ou xornalistas culturais) escollan a relación de finalistas en cada un dos 14 apartados no que se dividen os Premios. Unha vez determinadas as candidaturas finalistas, terá lugar a segunda quenda de votacións, da cal sairán os/as gañadores/as, que se darán a coñecer nunha entrega que se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Os Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG coa inestimable colaboración de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón ou Gadisa, entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Na entrega, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto. que homenaxea e celebra tanto a traxectoria artística de persoas que co seu traballo impulsasen a profesionalización do sector, como tamén a institucións que apoiasen o desenvolvemento das artes escénicas.
A información desta edición AQUÍ