Volver

A Asociación de Actores e Actrices concédelle o Premio de Honra Marisa Soto á xastra Cloti Vaello

Con este galardón recoñécese a longa traxectoria dunha costureira que traballou durante corenta anos no sector. Cloti Vaello, referente para o oficio teatreiro, iniciou a súa carreira co nacemento do teatro profesional en Galicia e vestiu a todas as xeracións de actores e actrices do país até a súa xubilación en 2016

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle á xastra Cloti Vaello o Premio de Honra Marisa Soto, galardón co que a profesión teatral recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do noso sector escénico. Deste xeito, Vaello únese a unha longa lista de homenaxeados que inclúe, entre outros nomes, a Ana Romaní, Pilar Pereira, Gonzalo Uriarte, Rosa Álvarez, a Sala Nasa, Flor Maceiras, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou Lino Braxe, quen recibiu esta distinción o ano pasado a título póstumo. O Premio Marisa Soto entrégase durante a gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebra o xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

A Xunta Directiva decide así premiar a dilatada traxectoria de Cloti Vaello, cuxa carreira medrou á par que a profesionalización do teatro en Galicia. Con este recoñecemento, preténdese poñer en valor o esforzo fundamental desas profesións que, sendo imprescindibles para a escena, se desenvolven lonxe dos focos e sen o aplauso do público. Teatreiras como Cloti Vaello resultan fundamentais para o sector escénico, mais os seus rostros pasan desapercibidos para os espectadores. Este premio é, polo tanto, un recoñecemento para os oficios invisibles do teatro.

A Xunta Directiva escolle a Cloti Vaello por ser referente e ser pioneira. E tamén por encarnar como poucas persoas no sector a evolución da nosa escena, dende o inicio da súa profesionalización en 1978 até os nosos días. En definitiva, Cloti Vaello é teatro en vida.

Perfil biográfico

Cloti Vaello naceu en Ribeira en 1955. Formouse simultaneamente en dúas técnicas de costura dende os trece anos: en modistería feminina e xastrería masculina. Tras anos dedicados á formación e ao traballo iniciático, acabou por encarreirar o seu oficio cara á creatividade do mundo da escena. Exerceu así durante corenta anos como xastra, costureira, deseñadora de vestiario e docente. A súa agulla deixou pegada tamén no audiovisual, exercendo o seu oficio en producións televisivas e cinematográficas.

Cloti Vaello arrincou a súa traxectoria da man de Roberto Vidal Bolaño e César Lombera no ano 1979, xusto nos inicios da profesionalización do teatro en Galicia. Entre 1998 e 2008, formou parte do equipo de xastrería da Aula de Teatro da Universidade de Santiago e do Centro Dramático Galego. Na institución de teatro público, Vaello realizou vestiarios en producións como Valle98 (1998), Se o vello Simbad volvese ás illas (1999), Rosalía (2001), Daquel Abrente (2005), A piragua (2007 ou Noite de Reis (2008).

Ao longo dos anos, tamén traballou para as principais compañías privadas de Galicia. Así, a súa pegada deixouse notar nos vestiarios de Matarile (Animales Artificiales ou Truenos y misterios), Talía Teatro (Supermais, Xustiza Infinita, Esperando a Godot ou Valentino Rufini), Teatro do Nororeste (Imperial Café Cantante ou Glass City), ou Sarabela Teatro (O heroe, Margar no pazo do tempo ou O cabodano) ou Voadora (Super 8 ou Tokio 3)

No ámbito da danza, Cloti Vaello traballou para o Centro Coreográfico Galego (Vacuo, 2005), Cía. Quique Peón (Ovai, 2009), Uxía P. Vaello e Borja Fernández (Play, 2008) ou D2 (Cos pés na terra, 2009).

Para o audiovisual, exerceu en series como As leis de Celavella ou Libro de familia, en programas como Historias de Galicia, documentais como As irmás Fandiño ou fitas como O Apóstolo, produción de stop-motion do ano 2012. O seu amplo currículo complétase co traballo desenvolvido para outras aulas de teatro universitario como son as de Lugo e A Coruña, así como o espazo de Danza da USC e a realización de vestiario de xigantes e cabezudos con César Lombera entre 1984 e 1992. Tamén realizou o vestiario en 2004 do Ordo Prophetarum da Catedral de Santiago. En 2010, levou un Premio de Teatro María Casares ao vestiario pola obra Bicharada, espectáculo de Berrobambán dirixida por Evaristo Calvo.

O Premio Marisa Soto seralle entregado a Cloti Vaello na gala dos Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia deste 1997. Os galardóns do teatro contan co patrocinio e o apoio de entidades e institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.