A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, convoca os XXVIII Premios de Teatro María Casares. O prazo de inscrición, que se realiza dende a sección dedicada aos galardóns dentro da páxina web da AAAG (https://aaag.gal/mariacasares), xa está aberto dende hoxe e até o vindeiro 8 de xaneiro. Poden concorrer todos os espectáculos profesionais de teatro de actriz/actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023. Ademais, as obras que se estrearan no último trimestre de 2022 que non concorreran ao certame na pasada edición tamén poderán presentarse. Os XXVIII Premios de Teatro María Casares tamén están abertos para aquelas producións estreadas no amentado período que non teñan texto falado, pero si empreguen a nosa lingua no material de promoción, no programa de man, na sinopse, etc.
Os galardóns divídense en 16 categorías, tras as modificacións realizadas nas súas bases na pasada edición cos obxectivos de actualizar os María Casares ás tendencias escénicas actuais e mais de recoñecer disciplinas artísticas como o teatro de monicreques. Deste xeito, prémianse os seguintes apartados: maquillaxe, vestiario, espazo sonoro, espazo escénico, iluminación, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, dirección de movemento, espectáculo, espectáculo infantil e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende o ano 1997. Dende a súa creación, os galardóns serven como o gran escaparate da produción teatral de Galicia e contan de forma tradicional co patrocinio de entidades e institucións como o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadis. Os espectáculos e profesionais galardoados danse a coñecer cada ano no mes de marzo durante unha gala que se celebra, en datas próximas ao Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña e nela tamén se fai entrega do Premio de Honra Marisa Soto.
FOTO: Gala dos XVII Premios de Teatro María Casares, celebrada en marzo de 2023. / CORSINO