O FETEGA (Festival do Teatro Galego Celso Parada), que celebra entre o mércores e o sábado no Carballiño a súa 34ª edición, concédelle o seu Premio de Honra á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Así o vén de anunciar o FETEGA nun comunicado no que se entrega esta distinción como recoñecemento “ao continuado traballo de promoción e formación das artes escénicas” desenvolvido pola AAAG dende a súa fundación en 1985. Ademais, o FETEGA pon en valor tanto “a longa traxectoria” como o labor da AAAG á hora de crear “a unión necesaria entre os/as profesionais do sector”.
A AAAG, entidade sindical que reúne a gran parte da profesión da interpretación e da dirección de escena, únese así a longa nómina de persoas e entidades que recibiron este galardón. Unha listaxe que, nos últimos anos, inclúe nomes como Marta Pazos, Marta Núñez, Tatán ou Miguel de Lira.
A AAAG manifesta a inmensa gratitude por este recoñecemento, que chega dende un dos festivais de maior traxectoria dentro do circuíto de mostras escénicas de Galicia. O seu esforzo durante décadas a prol do noso teatro, da nosa cultura e da nosa lingua fan deste galardón, un dos máis especiais que se poden recoller no seo do noso sector. O FETEGA decidiu en 2017 bautizar os seus galardóns como os Premios Dorotea Bárcena.
Programación 2023
O FETEGA (Festigal do Teatro Galego Celso Parada) celebra dende este mércores 13 e até o sábado 16 de decembro a súa 34º edición. O programa ábrese mañá coa sesión infantil da obra Antón, un neno diferente, de Barafunda. Xa o xoves chegaralle a quenda a O pequeno poni, obra de Redrum Teatro protagonizada por Guillermo Carbajo e Laura Míguez baixo a dirección de Alex Sampayo.
O venres, Teatro do Noroeste representará As damas de Ferrol, obra dirixida por Clara Gayo con Mónica Camaño e Casilda Alfaro no elenco. Xa o sábado, Malasombra chegará ao Carballiño coa obra Testosterona, dirixida por Xoque Carbajal e protagonizada por Camila Bossa e Luis Iglesia.