Volver

Sarabela, Excéntricas, Talía ou Manekineko, entre as compañías que estrearán montaxes neste semestre

Tanto na dirección coma nos elencos destas novas producións atópanse membros da AAAG

A Rede Galega de Teatros e Auditorios publicou xa a súa programación para o primeiro semestre deste 2024. No seu cartel recóllense varias estreas de compañías con elencos que inclúen a asociadas da AAAG.

Sarabela Teatro estreará O dragón de Ouro, baseada na obra de Roland Schimmelpfennig e con dirección da asociada Ánxeles Cuña Bóveda, o 23 de febreiro no Teatro Principal de Ourense. A obra está protagonizada polos compañeiros da AAAG Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu. A obra terá un segundo pase o 24 de febreiro e fará máis funcións, como a que está prevista en Narón para abril.

Monstros será a nova montaxe de Producións Teatráis Excéntricas para este semestre. O asociado Víctor Mosqueira forma parte dun elenco no que tamén atopamos a Rocío González, Patricia Vázquez e Piti Sanz. Baixo a dirección de Marcos Orsi, a obra estrease o 24 de febreiro no Fórum Metropolitano da Coruña e viaxará despois até a Sala Ártika de Vigo (2 e 3 de marzo), Boiro (8 de marzo), Lugo (14 de abril) ou Rianxo (4 de maio).

Manekineko estreará Cancións amarelas, flores tristes.Trátase dunha peza escrita por Ernesto Is e dirixida pola asociada Nerea Brey. O elenco está conformado polas asociadas María Costas, César Goldi, María de las Landeras e Fran Nogueira. A estrea será o 15 de marzo no Auditorio de Vigo e a obra representarase o 4 de abril no Auditorio Gustavo Freire de Lugo ou o 10 de maio no Fórum Metropolitano da Coruña

Talía Teatro presentará o 3 de maio, na Casa da Cultura Ramón Martínez López de Boiro, a súa nova produción: DeseXo. Dirixida por Diego Rey, a peza está protagonizada polos asociados Marta Ríos e Dani Trillo. Nesta comedia séguese a traxectoria de varios personaxes a través das súas publicacións nas redes. Vese así como van afrontando o seu día a día, as súas relacións, os seus desexos e os seus medos.

O Centro Dramático Galego, pola súa banda, estreará en abril a súa produción Os actos e as profecías, dirixida pola asociada Tamara Canosa, cun elenco de vinte intérpretes, entre os que se atopan membros da AAAG como Miguel Canalejo, Iván Davila, Marta Alonso Tejada, Raquel Espada, Ana Santos ou Xosé Manuel Esperante.