Volver

Un total de 19 espectáculos competirán como finalistas nos XXVIII Premios de Teatro María Casares

‘Unha inimiga do pobo’, de Talía Teatro, acada 9 finalistas e ‘Hamelin’, de Redrum Teatro, consegue 6. As obras do Centro Dramático Galego (CDG) ‘Shakespeare en Roma’ e ‘Un hotel de primeira sobre o río’ rexistran 5 finalistas, os mesmos que ‘O Auto do Castromil’, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG

‘Unha inimiga do pobo’, ‘Hamelin’ e ‘O Auto de Castromil’ disputaranse os galardóns de mellor espectáculo e mellor dirección. O premio ao espectáculo infantil decidirase entre ‘Ándale! Bon apêttit!’, de Teatro Ghazafelhos; ‘Backstage’, de NegroLópez, e ‘Crisálida’, de Caramuxo Teatro

Un total de 19 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer esta tarde en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido pola actriz Cristina Collazo, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Gonzalo Castro, concelleiro de Promoción e Fomento do Concello da Coruña; Miguel Diéguez, director territorial da Zona Noroeste da SGAE, e Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, que participaron no evento en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

O espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, acadou nove finalistas (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que Hamelin, de Redrum Teatro, logrou seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego acadan cinco finalistas: Shakespeare en Roma (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación-tradución) e Un hotel de primeira sobre o río (actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén se sitúa con cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario e espazo sonoro)

Entrega en man, de Contraproducións, aspira a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas Crisálida, de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); Vox populi, de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e Deadpan Karaoke (maquillaxe e espazo sonoro).

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos, tres deles optan ao mellor texto orixinal: Códice K, de Ainé; A nai, de Amorodio Teatro, e Mosca, de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: A teteira de Kabul, de Xarope Tulú; Coliño, de A Xanela do Maxín, e Nanai da China, de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos, e Backstage, de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que Frida, de A Cova das Letras, e Insubmisa, de Antagonista Teatro optan ao premio á mellor dirección de movemento.

Estes 19 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 21 de marzo. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.

Relación de finalistas por montaxes

  1. Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro(9 finalistas):espectáculo, dirección (Tito Asorey), actriz protagonista (Marta Lado), actor secundario (Toño Casais), adaptación-tradución (Tito Asorey e Vanesa Sotelo), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Dani Trillo), maquillaxe (Martina Cambeiro) e vestiario (Martina Cambeiro)2
  2. Hamelin, de Redrum Teatro (6 finalistas): espectáculo, dirección (Alex Sampayo), actor protagonista (Machi Salgado), actor secundario por partida dupla (Fran Lareu e Roberto Leal) e iluminación (Carlos Álvarez-Ossorio)
  3. O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co CDG (5 finalistas): espectáculo, dirección (Quico Cadaval), actor protagonista (Víctor Mosqueira), vestiario (Carlos Alonso) e Espazo sonoro (Piti Sanz)
  4. Shakespeare en Roma, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): actor protagonista (Toni Salgado), actriz protagonista por partida dupla (Sheyla Fariña e Rebeca Montero), vestiario (Saturna), adaptación-tradución (Volodymyr Snegurchenko para Coriolano, Ana Carreira para Xulio César, Ana Abad de Larriva para Antonio e Cleopatra e Lorena Conde para Tito Andrónico)
  5. Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego (5 finalistas): dirección de movemento (María Torres e Gonçalo Guerreiro), actrices secundarias por partida dupla (Raquel Espada e Lidia Veiga), vestiario (Carolina Díguele) e espazo escénico (Gonçalo Guerreiro)
  6. Entrega en man, de Contraproducións (3 finalistas): actriz secundaria (María Roja), adpatación-tradución (Cándido Pazó e Santi Romay) e maquillaxe (Martina Cambeiro)
  7. Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro (2 finalistas): maquillaxe (Baia Fernández) e Espazo Sonoro (Mónica de Nut)
  8. Crisálida, de Caramuxo Teatro (2 finalistas): espectáculo infantil e espazo escénico (Diego Valeiras)
  9. Vox Populi, de Malasombra (2 finalistas): espazo sonoro (Carlos Mosquera Mos) e iluminación (Octavio Mas)
  10. Backstage, de NegroLópez (1 finalista): espectáculo infantil
  11. Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos (1 finalista): espectáculo infantil
  12. Frida, de A Cova das letras (1 finalista): dirección de movemento (Olga Cameselle)
  13. Insubmisa, de Antagonista Teatro (1 finalista): dirección de movemento (Marta Alonso)
  14. Códice K, de Ainé, (1 finalista): texto orixinal (Manuel Cortés)
  15. A Nai, de Amorodio Teatro (1 finalista): texto orixinal (Laura Porto)
  16. Mosca, de Árika Cía (1 finalista): texto orixinal (Gustavo del Río)
  17. Nanai da China, de Pérez&Fernández (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas
  18. A teteira de Kabul, de Xarope Tulú (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
  19. Coliño, de A Xanela do Maxín (1 finalista): espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

    CONSULTA NESTA LIGAZÓN A RELACIÓN DE FINALISTAS POR CATEGORÍAS