A narradora oral Vero Rilo asina neste 2024 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. O seu texto define a escena como “transgresión”, como “rebeldía” e como “salvavidas”, ao tempo que o reivindica como ferramenta “imprescindible contra a desmemoria” e para “derrubar a norma inxusta e demoledora”. Rilo, que cita a Castaleo na apertura do texto e despídeo cunha proclama de Luísa Villalta, introduce unha vertente pacifista no seu texto ao facer referencia á invasión de Palestina e enxalza o poder do riso “para mudar o mundo”.
O Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, que cada ano encarga a Asociación de Actores e Actrices de Galicia a unha sinatura destacada do noso sector cultural, inclúe neste 2024 mensaxes contra a “precariedade laboral”, contra “a censura” ou contra “o afogamento administrativo”, atrancos aos que se enfronta o sector escénico cada día. “Acaso non esixe o teatro dedicarlle unha vida enteira? Non é unha carreira de fondo na que permanecer apaixonadas e comprometidas, dure o que dure? Cantas vidas enteiras nunha soa!”, reflexiona Rilo no seu texto, antes de engadir que “se algo sabe o teatro é de resistencia e de insistencia, tamén de rebeldía”.
Vero súmase co seu texto á longa lista de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da escena, do xornalismo cultural e da literatura que cada ano, a petición da AAAG, asinan o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de Evaristo Calvo, María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Camilo Franco, Aldao&Lado, Méndez Ferrín ou Imma António. Rilo lerá o Manifesto na gala dos Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Un total de 19 espectáculos compiten polos 16 galardóns nos que se divide os María Casares, certame organizado pola AAAG co patrocinio da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE e Gadis.
Perfil biográfico Vero Rilo
Vero Rilo (Mugardos, 1984) é narradora oral, educadora infantil e técnica superior en Integración Social. Dende 2013 combinou o seu labor docente coa súa faceta escénica, á que se dedica en exclusiva dende 2018. Na súa carreira artística, destaca dende o primeiro momento a súa vontade por erguer alianzas e fomentar sinerxías con voces cómplices da música, da poesía e mais da narración oral. Así, o seu primeiro proxecto artístico creouno xunto ao acordeonista Santi Prieto e levaba por nome Daboapipa. Baixo o seu paraugas, fusionaban a narración e a música para o público familiar. Despois verían a luz Rilo&Penadique, xunto á acordeonista Sonsoles Penadique, e Apatacón, dúo artístico xurdido á beira da vocalista Faia Díaz.
En 2019, Rilo alíase coas narradoras Ángeles Goás e Carmen Conde para levar polos escenarios unha sesión de contos eróticos. E en febreiro de 2024, estrou Indóciles, proxecto multidisciplinar ao redor da figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano, xunto á cantante Mónica de Nut e mais a resitadora Nuria Vil. Mantén tamén súa propia compañía para traballar en solitario ou na compaña de músicos como Santi Cribeiro ou intérpretes como Luís Iglesias. Forma parte da Asociación de Narración oral Galega NOGA.
MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2024
“Cada vida é unha novela que se perde”. Así escribía Castelao, no limiar de Retrincos, e razón non lle faltaba... Podería ser o teatro as vidas que quedan, que non se perden, as posibles ou imaxinadas, as que foron, son e serán?
O teatro, se cadra único deus verdadeiro, crea vida á par que deixamos a vida nel.
E canto dura unha vida? Quen o sabe! O que sabemos é que cando facemos teatro detemos o tempo e non hai poder maior que o aquí e o agora. Que importa canto dura se sabemos como parar un mundo que non descansa, que chega ás carreiras e asfixiado, sobre(des)informado, indecentemente deshumanizado, onde todo é para xa, xa, xa. Aquí sentas e todo se detén. Faise o silencio. Silencio para compartir un espectáculo irrepetible nun presente constante. Quen non quere vivir así unha vida enteira? Se fósemos quen de poder decidir como vivila, claro! Acaso non esixe o teatro dedicarlle toda unha vida? Non é unha carreira de fondo na que permanecer apaixonadas e comprometidas dure o que dure? Cantas vidas enteiras nunha soa!
Pode ser este, regresando a iso de que o teatro é vida e deixamos a vida nel, un manifesto reivindicativo, sen quentar demasiado, para falar ás apuradas da precariedade laboral, dos variables apoios institucionais, da política das axudas que só alentan a dependencia, do afogamento administrativo, da censura, da toma de decisións xorda e allea ás demandas do sector, dos tratos de corredor, do conforto duns poucos fronte ao risco das moitas? Pode ser?
Se cadra aínda é cedo pero vai a idea sementada ata a colleita, que chegará sen dúbida: se de algo sabe o teatro é de resistencia e insistencia, tamén de rebeldía. Que llo digan a quen fixo un entroido permanente, ás que continuaron coa palabra viva no corpo e na boca, ás que falaron máis polo que calaron en segundos de silencio; que no silencio tamén se conta cando é sostido e voluntario sobre un escenario. Continuemos neste exercicio contra a desmemoria, imprescindible para derrubar a norma inxusta e demoledora. É cedo de máis para falar de Palestina?
Lembremos o compromiso colectivo, o enxeño para fuxir da pena e do penalizado, o poder matar o rei e saír impunes (máis ou menos). O teatro, compañeiras, é transgresión e hoxe festexámolo xuntas.
Quixera ser este o manifesto da alegría. Aínda estamos a tempo? Será que si. Será que sempre é momento para o riso, a máis potente das armas, ferramenta para mudar o mundo. Que ousadía! Mais aquí todo é posible.
Amosemos hoxe todos os dentes que entran nunha boca, sexan máis ou menos -iso agora non importa- para pasealos como bandeira, sen medo e rir nun acto de intelixencia, de desobediencia, de alegría imparable.
Gargalladas a mancheas, que si, ou sorrisos tímidos, tanto ten! O importante é non deixar de facelo. De verdade, que o dos dentes non importa, era un falar. Rir xuntas do ridículo, do odio, do frívolo, do sagrado, da covardía. Que o teatro e o riso fosen, alá onde chegasen, antídoto e cura de habela. E haina.
O teatro é vida, é rebeldía, alegría e tamén salvavidas; e quen puxo os pés nas táboas, ou arredor delas, sábeo. E neste día de festa estaría ben bailar a vida nun instante efémero.
Docentes, actrices, actores, equipas técnicas, quen dirixe, quen escribe, quen pensa, quen non cala, quen programa, amadísimo público, grandes, pequenas, bailen! Bailen todos, que diría Luísa Villalta. Agora comeza o verdadeiro espectáculo! Vivan as vidas e que non morra o teatro!
Vero Rilo
Santiago, de Compostela
Marzo de 2024
FOTO: Yolanda Ataraxia