Volver

Os XXVIII Premios María Casares homenaxearán este xoves na Coruña o xénero do teatro musical cunha gala de entrega con “mar de fondo”

Sara Fandiño é a directora artística da cerimonia de entrega, que conta cun elenco integrado por Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado

A entrega dos galardóns celebrarase no Teatro Rosalía Castro da Coruña este xoves e será emitida en directo a través da Canle de Youtube dos Premios María Casares a partir das 20.30 h. Un total de 19 obras compiten como finalistas polos galardóns

LIGAZÓN Á RETRANSMISIÓN DA GALA: https://www.youtube.com/watch?v=zooOZ0bQutk

Os XXVIII Premios de Teatro María Casares entregaranse este xoves, 21 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña a partir das 20.30 horas. A gala de entrega será un homenaxe ao “teatro musical” con “mar de fondo” no que os elementos marítimos serán unha constante sobre o escenario. Así o adiantou esta mañá a actriz Sara Fandiño, directora artística da gala, nunha rolda de prensa celebrada no Concello da Coruña na que tamén participaron Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Eva Fórneas, vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

Fandiño destacou que na gala terán gran protagonismo as lendas do mar, o espírito atlántico e dous arquetipos fundamentais no imaxinario marítimo universal: os piratas e as sereas. “Dous tipos de personaxes que teñen algo en común: o amor ao canto”, explicou Fandiño, antes de engadir que ao longo da gala se renderá “homenaxe ao teatro musical” ao introducir referencias “universais e ben recoñecibles” deste xénero. Ademais, os soños e os mundos oníricos terán tamén gran relevancia durante a gala.

A directora conta cun elenco conformado por artistas que destacan por combinar “mocidade e experiencia”, xa que son intérpretes que teñen un longo percorrido nos musicais. “Esta tamén é unha gala de regreso á escena en Galicia, xa que todos naceron aquí, pero moitos crearon a súa carreira no exterior. É un reencontro”, apuntou Fandiño ao se referir a Alba Tojeiro, Germán Prenta, Iván L. Estévez, Iván Márquez, Mario Lagoas, Rocío Salgado e Verónica Peiteado. Fandiño asina tanto a música como a letra dos temas que soarán durante a gala e conta coa colaboración de Alexandro González para a orquestración e mais os arranxos. O espazo escénico corre a cargo de José Expósito Ortiz.

Pola súa banda, Eva Fórneas centrou a súa intervención en agradecer “o esforzo e implicación” de Sara Fandiño, do equipo artístico e mais do persoal técnico dunha gala que mobiliza “a máis de 50 profesionais” de diferentes campos. Fórneas lembrou, ademais, que este é un ano especial nos Premios, xa que se rexistrou a maior inscrición dos seus 28 anos de historia. “Presentáronse un total de 47 espectáculos, dos cales 19 aspiran a levar este xoves algún dos 16 galardóns nos que se dividen os Maria Casares”, sinalou a vicepresidenta da AAAG, entidade organizadora duns galardóns que, para esta 28ª edición, conta co apoio da Xunta de Galicia, do Concello da Coruña, da Deputación da Coruña, do Padroado de Cultura do Concello de Narón, da Fundación Aisge e de Gadis. Os agradecementos tamén se estenderon ao Centro Dramático Galego, ao Centro Coreográfico, á Escola Galega de Teatro Musical, o Club Patinaxe Alquimia e, por suposto, o equipo do Teatro Rosalía. A gala será retransmitida por streaming na canle do Premios María Casares ás 20.30 h: https://www.youtube.com/c/premiosdeteatromariacasares .

19 espectáculos finalistas

O espectáculo Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro, aspira a nove María Casares (espectáculo, dirección, actriz protagonista, actor secundario, adaptación-tradución, vestiario, maquillaxe, espazo escénico e iluminación), mentres que Hamelin, de Redrum Teatro, compite por seis (espectáculo, dirección, actor protagonista, actor secundario por partida dupla e iluminación).

Dúas obras do Centro Dramático Galego aspiran a cinco María Casares: Shakespeare en Roma (actor protagonista, actriz protagonista por partida dupla, vestiario e adaptación-tradución) e Un hotel de primeira sobre o río (actriz secundaria por partida dupla, dirección de movemento, vestiario e espazo escénico). O Auto do Castromil, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego, tamén compite por cinco (espectáculo, dirección, actor protagonista, vestiario, espazo sonoro)

Entrega en man, de Contraproducións, opta a tres galardóns (adaptación-tradución, maquillaxe e actriz secundaria) mentres que por dous compiten as pezas Crisálida, de Caramuxo Teatro (espazo escénico e espectáculo infantil); Vox populi, de Malasombra (iluminación e espazo sonoro) e Deadpan Karaoke (maquillaxe e espazo sonoro).

Cun finalista atópanse outros dez espectáculos, tres deles optan ao mellor texto orixinal: Códice K, de Ainé; A nai, de Amorodio Teatro, e Mosca, de Ártika Cía. Outras tres aspiran ao galardón de monicreques, obxectos e figuras animadas: A teteira de Kabul, de Xarope Tulú; Coliño, de A Xanela do Maxín, e Nanai da China, de Pérez&Fernández.

Pola súa banda, Ándale! Bon apêttit!, de Teatro Ghazafelhos, e Backstage, de NegroLópez, son finalistas no apartado de espectáculo infantil, mentres que Frida, de A Cova das Letras, e Insubmisa, de Antagonista Teatro agardan levar o premio á mellor dirección de movemento. Durante a gala entregarase o Premio de Honra Marisa Soto a María Barcala e Vero Rilo lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.