Volver

O CDG conmemora o seu 40º aniversario e estreará o 11 de abril 'Os actos e as profecías'

O Salón Teatro acolle un acto de celebración para presentar a programación deste ano tan especial, que inclúe 15 espectáculos

De 1984 a 2024, do Woyzeck a Os actos e as profecías. Ese é o percorrido que trazou dende a súa fundación até hoxe o Centro Dramático Galego, institución de teatro público que conmemou hoxe o seu 40ª aniversario nun acto que serviu tamén para presentar a programación desta temporada. No Salón Teatro reuníronse varias xeracións de profesionais da interpretación, da dirección e da técnica xunto a responsables institucionais da Xunta de Galicia e das asociacións máis significativas do sector, incluída a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que estivo representada pola súa presidenta, Arantza Villar, e o seu secretario, Xosé Barato.

"Dende a súa creación até hoxe, estreáronse máis dun cento de producións propias e máis dun millar de profesionais, galegos e non galegos, actuaron no Centro Dramático Galego", resumiu o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, a traxectoria dunha entidade que, lembrou, levou a escena tanto "clásicos" da nosa literatura dramática como "Valle-Inclán, Manuel Lorenzo ou Roberto Vidal Bolaño" coma figuras internacionais como Shakespeare, O'Neill ou Molière. O titular, ademais, encaixou a posta en marcha do CDG no período da "construción da arquitectura" autonómica e insistiu no seu papel de referente cultural e no seu traballo para "reforzar a proxección da nosa lingua". Pola súa banda, o director do CDG, Fran Núñez indiciou que corenta anos dan unha perspectiva histórica para analizar o impacto deste "referente teatral para a sociedade", ao tempo que puxo en valor "a consolidación da nosa escena" e "o relevo xeracional" que se deron ao longo das súas catro décadas. Ademais, Núñez salientou o traballo realizado por parte do centro para manter e crear novas liñas de programación ofrecendo un "servizo público de calidade".

O acto contou tamén coa intervención de Manuela Domínguez, quen desenvolveu a súa carreira laboral como traballadora do CDG durante 36 anos. As súas palabras abordaron a creación do Centro Dramático Galego, as dificultades para consolidar os seus postos de traballo e a importancia do esforzo colectivo que implican sempre as montaxes teatrais. Ademais, lembrou a compañeiros que xa non están e dous dos responsables da institución pública de teatro que xa faleceron: Dorotea Bárcena e Ernesto Chao.

Estrea en abril

O vindeiro 11 de abril estrearase no Salón Teatro Os actos e as profecías, montaxe coa que o Centro Dramático Galego conmemora o seu 40 aniversario e que reúne baixo a dirección de Tamara Canosa un elenco dunha vintena de intérpretes (Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro Cou, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal). Na peza invéntase un universo arredor dos talent shows como espazo de xogo para lanzar ao aire cuestións como o lugar público na creación actual, a fama, a competitividade e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.

Visita guiada polo Día Mundial do Teatro

Este mércores, 27 de marzo, celebrarase o Día Mundial do Teatro e farán corenta anos exactos do anuncio público por parte da Xunta da fundación do Centro Dramático Galego, cuxo a primeira obra sería estreada (a xa amendata Woyzeck) o 23 de agosto no Teatro Rosalía Castro da Coruña. oincidindo con este data sinalada, o Salón Teatro acollerá catro quendas de visitas teatralizadas da man da compañía Galeatro e con Alba Bermúdez, Luma Gómez, Tone Martínez e Carlos Sante como guías nun percorrido polas instalacións escénicas e por moitas das historias e anécdotas do Centro Dramático Galego ao longo destas catro décadas. As visitas, con capacidade limitada a 12 prazas, terán lugar ás 18, 19, 20 e 21,00 h., previa reserva no 881 867 229 en horario de mañá.

A unidade teatral atópase xa inmersa nun ano a pleno rendemento de actividade durante o que porá en pé ou terá participado en 15 espectáculos e proxectos escénicos, comezando polas recentes postas en escena da coprodución galego-brasileira Hamlet, o de Cunqueiro e de Míticas pero secundarias, dentro do ciclo Clásicas desfeitas coa Cidade da Cultura de Galicia, así como da estrea galega de Manuela Rey Is In Da House xunto co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo, Teatro Nacional São João do Porto e Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa.

En abril tamén chegará o espectáculo de teatro comunitario O corazón na boca, con dirección de Rafael Rey e con intérpretes dos diferentes grupos da Federación Galega de Teatro Afeccionado. Como parte deste mesmo proxecto europeo, o Salón Teatro será sede das Noites Internacionais de Teatro, que terán lugar dentro do Festival Escenas do Cambio con participación de artistas de Galicia, Romanía e do Tirol italiano.

A Utópica Rodante

Xa en maio, comezará un percorrido de catro meses coa montaxe de pequeno formato De Vilatriste a Vilalegre, en coprodución con Teatro O Cubo e con Sofía Espiñeira e Roberto Casal Mouriño na dirección. A través deste proxecto, denominado A Utópica Rodante, o CDG sairá ao encontro do público en máis de 100 concellos de toda Galicia para compartir tanto a celebración deste aniversario como a historia recente do teatro galego no seu camiño de profesionalización. O Centro empregará tamén nas súas xiras o sistema de teatro inclusivo para persoas con discapacidade auditiva ou visual que puxo en marcha de xeito pioneiro na súa sede de Santiago. Facilitarse igualmente a mobilidade do público a través do seu servizo de autobuses para asistir ás funcións do Salón Teatro desde máis de 30 concellos.

Á volta do verán, a compañía pública reestreará Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e cuxos intérpretes son historia viva do teatro galego como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector en Galicia. Por este motivo, recupérase esta montaxe, cuxa primeira temporada de exhibición en 2021 veuse dificultada polas restricións aplicadas durante a crise sanitaria.

Neste 40º aniversario, tamén se coproducirá con Culturactiva Nada se sabe, unha creación colectiva baixo a dirección do madrileño Ignacio García, ademais de se avanzar no desenvolvemento do proxecto pedagóxico internacional NÓS/NOUS, baixo o paraugas do Erasmus+, coa participación no espectáculo Na hora dos cans, con dramaturxia da galega Ana Carreira e dirección do portugués Nuno M. Cardoso.

Nesta estreita relación con Portugal, insírense outras iniciativas como Territorios de liberdade, de Vazarim Teatro e Tanxarina Títeres, dirixida por Quico Cadaval con dramaturxia de Zé Paredes; Frágua de amor, proposta de gran formato a partir da obra de Gil Vicente e coa implicación de importantes estruturas culturais lusas; o proxecto de coprodución e residencias Curtas - Entrepalav.bras entre Teatroensaio e Butacazero ou a programación en Galicia de As Quintas do Camões, en colaboración co Insituto Camões.

Os espectáculos Fear Liath, xunto a algúns dos principais teatros de Gales, Irlanda e Países Baixos, e Cores, co Teatro Nacional de Bautzen en Alemaña, completan a listaxe de colaboracións internacionais que lle dan forma a esta dinámica de intercambio coa implicación de numerosos profesionais galegos.