INAUGURACIÓN PRAZA DA OLIVEIRA/PILAR PEREIRA
Moi boas tardes a todas as persoas que estades hoxe acompañándonos nesta fermosa homenaxe e inauguración da praza que levará o nome de miña nai, Pilar Pereira.
Non teño palabras para describir a emoción que sinto: esta praza supera calquera expectativa ou desexo que a familia puidese albergar.
En primeiro lugar quero agradecerlles á nosa alcaldesa, Goretti Sanmartin, e ao seu equipo de goberno por ser elas as impulsoras desta iniciativa: comezar a nomear rúas e prazas de Compostela con nomes de mulleres, xa que a día de hoxe só un ínfimo 1% dos nomes teñen xénero feminino. Grazas por incluír nestas primeiras 11 rúas o nome e a memoria de miña nai.
Asegúrovos que é unha grande honra.
En segundo lugar, agradecer que sexa este o espazo escollido: Nin nos mellores soños esperaría que esta praza tan máxica e especial puidese levar o nome de miña nai.
Unha praza habitada por esta oliveira, unha árbore cargada de significado: resistencia, fortaleza, paz e eternidade.
Estou segura de que para unha muller tan vital coma miña nai, tan amante da vida na rúa, dos faladoiros, da conversa, da celebración e da xente, esta praza é o lugar perfecto para habitar e ocupar eternamente coa súa inmensa enerxía.
Nestes tempos acelerados, de consumo rápido, de usar e tirar, de pouca reflexión, dedicar actos á memoria é de enorme valor: a xente que nos precede marca camiños polos que transitan os que vimos detrás.
No caso da miña nai, picheleira, nada o 4 de xullo de 1937 na Senra e bautizada na capela do Pilar, serán múltiples os camiños que conflúan nela.
Quen a coñeceu a recordará por diferentes motivos:
-Quizais como Pili, a filla maior dos mestres Dona Maria Carballo e Don Xesús Pereira, mestre represaliado e un dos máis recoñecidos educadores de referencia de varias xeracións de rapaces desta cidade.
-Quizais como a irmá de Aurichu, de Pedro e de Carmen cos que residiu no domicilio familiar na compostelá rúa de Patio de Madres tras pasar parte da súa infancia na Ponte Ulla.
-Ou, se cadra, daquela rapaza que empezou a recitar poesías no colexio, coas monxas ou poesías escritas polo seu pai, e que rematou recitando en numerosos actos de cidades, nas festas de vilas, reunións de carácter cultural da intelectualidade galega ou gravando discos con poesías da súa admirada Rosalía de Castro en Barcelona xunto a Fernando Fernán Gómez ou a Maria Luisa Ponte.
-Tamén haberá quen lembre os seus inicios no teatro español universitario, o TEU, representando obras como El zoo de cristal baixo a dirección de Rodolfo López Veiga ou participando na primeira versión en galego de Antígona, de Jean Anouihll, na Praza da Quintana, rodeados de gardas civís.
-Ou Pili Pereira, a carismática locutora de radio, daquela EAJ4 da SER, Radio Galicia en Santiago de Compostela e que protagonizou unha sonada voda na colexiata do Sar con outro coñecido locutor, Ángel de la Peña.
-Ou Pili, a que marchou de Compostela cara a Madrid deixando un grande escándalo na cidade, perseguida pola garda civil por abandono do fogar e tomando decisións moi difíciles e dolorosas como a de deixar aquí a súa filla Marta.
-Outros lembraranse daquela rapaza que despois lograría facerse un oco no panorama teatral da capital, traballando con compañeiros de peso como Lola Gaos, Vicky Peña, Luis Escobar, José Sacristán ou Victor Garcia.... Ou con aquelas compañías de repertorio como a de María Arias ou María Fernanda D´Ocón e Mario Antolín, con xiras ao máis puro estilo daquela Viaxe a ningunha parte por todos os teatros de España.
-Se cadra, outros lembrarana como Pilar, a inconformista que nunca foi seducida polas posesións materiais nin pola boa reputación, e que en plena racha de traballo no teatro comercial nos anos 60, decide unirse a Los Goliardos, unha compañía independente e precaria pero cunha creatividade teatral e narrativa que mallaba directamente no réxime franquista e que enchía o que para ela era a idea do teatro.
Con eles triunfa no Festival de Nancy en Francia e como premio, representan a súa especial versión de Fuenteovejuna en París. Nesa cidade, Pilar entende que existe outra realidade, que existe algo moi parecido á liberdade e decide quedar.
Outro salto sen rede. Outro impulso. Outra necesidade de buscar, de habitar novos horizontes, novas maneiras de ver a vida. Alí tamén será unha muller activa, comprometida política e artisticamente e será Pilar, La Gallega, un alcume que sempre a acompañará alá por onde vaia.
Aquela Pilar forma parte de La Carraca, un proxecto feito por emigrados españois entre os que se atopaban Paco Ibáñez, Serrat, Jose Luis González, Paco Rabal... e que tiña como obxectivo xerar teatro, música... En definitiva, cultura para os case medio millón de obreiros españois que neses tempos traballaban en París.
Desa época da súa vida, que tanto a marcará , vivindo intensamente aquel Maio do 68, quedará unha familia imborrable, perenne: a familia escollida. O concepto das ligazóns familiares toman outro significado para ela.
Posteriormente aparecen moitas máis Pilares:
- A que marcha a Bélxica, máis concretamente a Lovaina, unha cidade universitaria. Alí atoparase coa súa irmá pequena, Carmen, traballando como enfermeira e con todo o activo ambiente político dos estudantes, moitos deles latinoamericanos, que participando activamente da política soñaban con cambiar o mundo.
Neses anos intensos coñece e namórase dun colombiano, Jorge Bossa, meu pai, e nace Alexandra, miña irmá...e deciden ir vivir a Colombia pasando antes por Santiago para levar a Marta con eles.
Pilar, la gallega, outra vez, respira aires novos e sente que ese país é un lugar marabilloso. Mergúllase a fondo na politica, no activismo social e máis concretamente no movemento feminista, na dinamizacióndos barrios máis pobres, no teatro de batalla, nas folgas e ata na educación, fundando o seu propio colexio, o Paidós, onde a ensinanza baseada en teorías novidosas deixa unha pegada en varias xeracións de nenos e nenas de Bogotá.
Tamén volve ser nai e, xunto co meu pai, deciden chamarme Camila na memoria do cura revolucionario Camilo Torres. Desa etapa en Colombia quedarán amizades de eterno compañeirismo, solidariedade e cariño.
Anos 80, outra vez cambio, ruptura, salto adiante.
Separada de meu pai, volve a España con dúas fillas e con poucas certezas.
Será Pilar no Madrid da famosa movida, de buscar as castañas, de renunciar a soños de profesión e sobrevivir no día a dia.
Pero nese periplo de case 14 anos non deixará de facer o mesmo: ligazóns, familias, casas abertas para todo o mundo, política, teatro, faladoiros literarias no Café Manuela en Malasaña, recitais poéticos, monicreques, manifestacións, militancia no PST... e moitas, moitas reunións de xentes variadas e interesantes ao redor das súas elásticas mesas onde sempre había sitio e saborosa comida para un máis.
No 1991 volve a Galicia da man do teatro protagonizando un Pirandello no Centro Dramático Galego. Volve a esa cidade de pedra onde prometera non volver. E contra todo prognóstico, queda.
Ábrese outra etapa. Unha etapa profesionalmente moi activa de teatro, de televisión, de cinema, de traballar con moitas compañías diferentes, construír unha rede de novas amizades, reencontrarse coa escena cultural galega, de escribir as súas propias obras e representalas coa súa compañía.
Pero tamén é etapa de reencontros co pasado, de reconstruír anacos de vida, de lembranzas, de dolorosas perdas e de enfrontar fondas feridas.
E outra vez, nesta etapa compostelá, aparecerán as multitudinarias Pilares que cada un terá no seu recordo:
-a compañeira de escena
-a incansable e teimuda conversadora
-a amiga coa que tomar os viños,
-a cidadá que sae a rúa a manifestarse
-a habitual moradora da barra do Pub Atlántico,
-a veciña da Rúa da Troia que decide que organizar aniversario na rúa é a mellor idea para celebrar a vida
-a señora que tiña os balcóns cheos de plantas, muíños de cores e unha eterna bandeira palestina,
-a dona temporal dun anaco de terra nas hortas de Belvís,
-a orgullosa ama da súa cadela Chola,
-a muller que era absolutamente feliz á beira do mar,
-a profesora de teatro dun puñado de rapaces nos talleres de verán na Alameda,
-a eterna lectora do xornal tomando un viño no bar Bierzo ao mediodía,
-a dona das casas abarrotadas de cores e mil tesouros de valor emocional..
En fin, unha tarefa difícil a de condensar os 82 anos dunha muller que viviu tan intensamente.
Quedan no tinteiro miles de Pilares máis, pero penso que sen dúbida, o que queda é a pegada dunha persoa que non deixaba indiferente:
Dunha muller que nunha época onde o que primordialmente se esperaba delas era a realización idealizada da muller no ámbito doméstico, rachou con todo e fuxiu cara a adiante, nunha mestura de inconsciencia, rebeldía e necesidade de buscar a súa propia identidade, os seus soños: a súa liberdade.
Para min queda a ensinanza de non pasar pola vida dun xeito indiferente.
A importancia do compromiso, de significarse, de ter un criterio propio, do dereito a ser incómoda tamén, de cuestionar, de gozar sen remorsos, de ambicionar riquezas intanxibles e de vivir o aquí e agora.
Sei que miña nai estaría inmensamente feliz de saber que esta será a súa praza, de que unha actriz teña ese recoñecemento e desexando que sexa a primeira de moitas.
Pola miña parte e da miña irmá, volver agradecer por este agasallo e recoñecemento. E que a memoria permaneza. E gracias a toda a xente que hoxe está aquí e que formades parte desta memoria.
Para pechar este acto, traemos unha sorpresa: dúas gravacións inéditas.
Trátase de dous poemas gravados por ela, no estudio da nosa casa, no último ano de vida, un día que veu xantar. Ela tiña na cabeza facer un audiolibro de poesía.
O primeiro, é un clásico que sempre a acompañóu: O Cravo, de Rosalía.
E o segundo é un poema de Rafael González Castell, titulado Brindis e que durante moitos anos miña nai pensou que era escrito polo seu pai para as tres irmás Pereira.
Camila Bossa, 21 de maio de 2024.
Foto: Concello de Santiago