Volver

A MIT Ribadavia celebra a súa 40ª edición entre o 19 e o 27 de xullo

ButacaZero, o Centro Dramático Galego, Nova Galega de Danza, Guillermo Calderón, Alice Ripoll ou Peta Lily serán algún dos grandes protagonistas neste 2024 da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

ButacaZero, o Centro Dramático Galego, Nova Galega de Danza, Guillermo Calderón, Alice Ripoll ou Peta Lily serán algún dos grandes protagonistas neste 2024 da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, que celebrará do 19 ao 27 de xullo a súa 40ª edición. Adiantouno así o seu director, Roberto Pascual, nun acto ao que tamén asistiron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego; César Fernández, alcalde de Ribadavia, e Arantza Villar, presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. “Temos este ano unha programación popular, vangardista e que mira cara ás linguaxes híbridas. Apostamos neste 2024, ademais, polo teatro-danza”, sinalou Roberto Pascual ao desvelar o espectáculo que centrará a xornada inaugural: Dique, coprodución de Nova Galega Danza e o Centro Coreográfico Galego.

Esta peza, baixo a dirección de Marta Pazos, artéllase ao redor das mulleres que traballaron na construción do dique da Campá de Ferrol, un fito da enxeñaría civil do século XIX. A partir desa apertura, Ribadavia recibirá referentes da escena, tanto no eido galego como no panorama estatal e internacional. Dese xeito, pola MIT pasarán nomes como Alice Ripoll, que presentará o seu espectáculo Zona Franca o día 20; Guillermo Calderón, que arribará dende Chile coa súa obra Villa o 24 de xullo; ou El pont flotant, que representará Eclipse total o 23 de xullo.

ButacaZero actuará con Iribarne, espectáculo sobre Manuel Fraga coproducido polo Centro Dramático Nacional e a propia MIT, o día 27 de xullo para lle pór o ramo a programación. Outros nomes da escena galega que pasarán este ano por Ribadavia serán Antón Coucheiro con Ciganí (o día 25 de xullo); Ibuprofeno Teatro, que ofrecerá unha función da obra Deadpan Karaoke (20 de xullo); Nauta Teatro, que percorrerá as rúas de RIbadavia o 19 xunto a Trópico de Grelos con Treboada, ou Manekineko que, en coprodución coa propia Mostra, lle brindará ao público un pase de Cancións amarelas, flores tristes o venres 26.

Nada se sabe, espectáculo coproducido polo Centro Dramático Galego e Culturactiva baixo a dirección conxunta de Ignacio García e Fran Rei, preséntase como unha creación colectiva cun elenco conformado por persoas con diversidade funcional e darase a coñecer o 26 de xullo.

A programación complétase con diferentes actividades, faladoiros e talleres formativos, entre os que destacan o de Darkclonw impartido por Peta Lily. Máis información na web da MIT: https://mitribadavia.gal/