A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), asociación sindical que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, transmite o seu pesar polo falecemento de Xabier Deive. A AAAG envíalles aos seus seres queridos todo o seu agarimo e todo o seu apoio nestes momentos. Ao tempo, quere lembra a calidade humana de Xabier Deive, un compañeiro querido e respectado tanto polo público como pola profesión. O seu traballo no teatro e mais no audiovisual, eidos nos que legou mostras incontestables do seu talento artístico, deixa testemuño dunha forma de entender, exercer e vivir o noso oficio que a AAAG quere recoñecer como exemplo para todos e todas. A AAAG agradece, ademais, o labor que Deive desenvolveu no seo desta asociación sindical, da que foi presidente entre 2019 e 2021, ademais de ter participado en diversas xuntas directivas. Este traballo desinteresado na AAAG amosaba o seu compromiso coa profesión.
Xabier Deive (Narón, 1970) exerceu ao longo da súa dilatada traxectoria as profesións de técnico, actor de cine, teatro e televisión. Entre as fitas nas que participou, destacan títulos como Jalisco (Jorge Valcárcel e Fran Piñeiro, 2001); Las mujeres del anarquista (María Noelle, 2006), El menor de los males (Antonio Hernández, 2007), A cicatriz branca (Margarita Ledo, 2012), Las altas presiones (Ángel Santos, 2014) ou Fatum (Juan Galiñanes, 2023)ou As Naves (Sonia Méndez, 2024). Deive fíxose un rostro ben familiar para o público galego ao formar parte dos elencos de producións como Rías Baixas, As Leis de Celavella, A vida por diante, Os Atlánticos, Matalobos ou Serramoura. Tamén contou con roles episódicos en series como Águila Roja, Piratas ou El Ministerio del tiempo. Nos últimos anos, traballou en producións audiovisuais como La noche más larga (2022), Libertad (Enrique Urbizu, 2021), Néboa (2020), Vivir sin permiso (2018) ou El final del camino (2017).
No ámbito escénico, participou en diferentes montaxes: Os carros do camiño (Ollomoltranvía, 1998), O retrato de Dorian Grai (Uvegá Teatro, 2000), Poca vita (Teatro Maltés, 2002), Final de película (Ancora Producións, 2004), Edipo (Nove Dous, 2006), Stigma (Centro Dramátigo Galego, 2008), Gaivotas subterráneas, (Talía Teatro-Voz Audiovisual, 2013) ou Sede de mal (Culturactiva, 2015).