A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, asociación sindical que aglutina a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, secunda o comunicado emitido onte polo Comité Intercentros da CRTVG en relación ao anteproxecto de lei de medios públicos aprobado polo Consello da Xunta a semana pasada. A AAAG quere facer propias as palabras do Comité Intercentros, “A nosa alegación será a mobilización”.
A AAAG amosa así o seu apoio ao Comité Intercentros e súmase á indignación que está a espertar o amentado anteproxecto, tanto polo seu lesivo contido como polo proceder da Xunta de Alfonso Rueda. A AAAG considera que o anteproxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital non conduce a ningunha outra parte que non sexa a disolución completa da verdadeira natureza dun medio público.
A AAAG sinala que esta iniciativa lexislativa, que virá para substituír a norma en vigor aprobada en 2011 e nunca aplicada en realidade, desoe as reclamacións sobre transparencia, renovación e pluralidade que se acumulan dende hai anos sobre a xestión do ente público. Ao tempo, significa un “retroceso moi preocupante”, “lonxe de avanzar na independencia dos medios públicos”, tal e como manifestou o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
A rebaixa das maiorías cualificadas no Parlamento para a escolla da dirección da CRTVG, a eliminación da necesidade de creación tanto do estatuto profesional coma dun Consello de informativos –recollidos na lei en vigor e nunca desenvolvidos en realidade- e a apertura da CRTVG a outros idiomas máis alá do galego amosan ás claras a vontade política do Goberno de Alfonso Rueda, que decide anunciar ás portas de agosto as súas intencións nun campo tan sensible para o funcionamento democrático da sociedade.
A AAAG considera -e así o manifestou en multitude de ocasións- que a CRTVG debe ser ferramenta fundamental e independente para a formación, a información e a participación cidadá e elemento difusor da cultura propia, así como gran motor para o noso sector audiovisual a través dunha produción propia e dunha ficción que sempre serviron de transmisores incontestables para o noso idioma. Estes son os principios claros que rexeron a creación do ente e que deben rexer o seu futuro, tras unha longa etapa na que o ente público desatendeu por completo estas liñas básicas e reitoras. O anteproxecto de lei aprobado pola Xunta de Alfonso Rueda lévanos, en definitiva, á maior deterioración da CRTVG, continúa a someter o ente aos intereses do Partido Popular e lamina os xa minguados mecanismos que deben garantir tanto o pluralismo coma a independencia dun medio público.
COMUNICADO DO COMITÉ INTERCENTROS:
“A nosa alegación será a mobilización”
O Comité Intercentros da CRTVG confrontará o anteproxecto de lei da Xunta para os medios públicos de comunicación audiovisual, que considera unha burla á democracia, coa mobilización do cadro de persoal
O máximo órgano de representación das traballadoras da radiotelevisión pública galega alerta de que, se o anteproxecto prospera, a Corporación pasará a ser xa directamente por lei o maior órgano de propaganda do Partido Popular de Galicia, sen contrapoder algún
San Marcos, 6 de agosto de 2024
O Comité Intercentros da CRTVG (Corporación de Radio e Televisión de Galicia) acordou hoxe que a mobilización será a súa alegación ao “anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital” que o goberno da Xunta, en mans do Partido Popular de Alfonso Rueda, pretende aprobar nas vindeiras semanas, ao remate dun período de alegacións aberto en pleno mes de agosto para intentar que pase desapercibido e sen contestación.
O máximo órgano de representación do cadro de persoal da radiotelevisión pública galega considera que o Partido Popular completaría con esta nova lei o cambio de paradigma de medios públicos no que traballa hai anos, eliminando as últimas barreiras e garantías de servizo público que, polo menos no papel, contemplaba a lei de medios públicos en vigor, para acabar por transformar a CRTVG definitivamente, co suposto aval do Parlamento controlado polos populares, no maior órgano de propaganda financiado con cartos públicos ao servizo exclusivo dun partido político, sen contrapoder e control algún.
O Comité Intercentros agradece a rápida reacción pública contraria a este anteproxecto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Federación de Asociacións de Xornalistas de todo o estado español, dos partidos políticos da oposición parlamentaria galega e doutras organizacións profesionais e vencelladas á defensa da lingua, asumindo un por un todos e cada un dos argumentos feitos públicos por estas entidades estes días.
A representación das traballadoras advirte que confontará cunha mobilización intensa, que se acordará en setembro en asembleas, este anteproxecto absolutista que supón unha burla descarada á democracia, xa que recorre ás maiorías simples para tomar decisións de tanta transcendencia como a aprobación da persoa que ocupe a dirección xeral, os membros do consello de administración ou a aprobación do mandato estratéxico, que marcará a folla de ruta dos medios públicos. O anteproxecto, en opinión do Intercentros, resólvelle ademais á dirección actual as limitacións que tiña para nomear persoal de alta dirección a esgalla ou para facer contratacións artísticas a dedo que esquiven o mérito, a igualdade e a capacidade no acceso ao emprego público.
O comité de empresa tilda de burda tomadura de pelo infantil a creación do chamado Consello Asesor de Participación Social e Profesional, entidade fraudulenta coa que o Partido Popular pretende lavar a cara cun verniz democrático pero que, no fondo, reforzará o control dos populares sobre a sociedade pública autonómica ao proceder as persoas que conformarían ese consello de entidades controladas de novo polo partido, deixando, para máis inri, a elección das representantes das traballadoras nese órgano en mans dun Consello de Administracións inzado de representantes populares, aos que ademais se lles prevé expresamente, na nova lei, a posibilidade de perpetuarse no consello se xa formaban parte del durante a vixencia da lei actual.
Radicalmente intolerable considera tamén o Intercentros a desaparición das figuras do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional que contempla a lei en vigor, que por unha dilación premeditada por parte do Consello de Administración actual nunca chegaron a crearse. O anteproxecto substitúe estas figuras, que poderían axudar a erradicar a manipulación informativa e protexer ás xornalistas, por “normas de estilo e autorregulación” dos servizos informativos que, unha vez máis, aprobaría o Consello de Administración, o mesmo que non quixo poñer en marcha esas ferramentas previstas na lei durante todos estes anos.
Non se recolle garantía algunha para manter a xa escasa produción propia, denuncia tamén o comité, nin se blinda o mantemento dunha estrutura de delegacións territoriais mínima para satisfacer a encomenda de cobertura infomativa de todo o país. En cambio, alerta o Intercentros, desaparece a prohibición de ceder a terceiros os servizos informativos que si recolle a actual lei, unha supresión que xa non disimula a clara intención da Xunta de acabar por externalizar o pouco que aínda se produce con medios e profesionais propios da CRTVG.
Pero hai dous puntos que, para o Comité Intercentros, son aínda máis preocupantes. O primeiro, a posibilidade que lle abriría a nova lei á Corporación de emitir contidos en linguas distintas ao galego, unha posición política claramente aliñada co bilingüismo que defende o Partido Popular e que ampara o anteproxecto na escusa de poder “dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma”. Para a representación do persoal, esta gravísima modificación suporía un punto de non retorno nos avances conseguidos a prol da lingua galega desde a posta en marcha do Estatuto de Autonomía e a desnaturalización ou estocada de morte definitiva dos medios públicos do país, que perderían aos poucos ou de vez a súa principal razón de ser para transformarse nunha mera plataforma máis de contidos audiovisuais en español.
En segundo lugar, o Comité alerta moi seriamente da confusa situación ou rexime xurídico que a nova lei prevé para o que hoxe é a Corporación, xa que non queda claro no texto que se propón nin a natureza xurídica da sociedade mercantil nin o estatus legal que terían os seus traballadores e traballadoras, que poderían quedar fóra da protección actual que permite a súa inclusión no ámbito do emprego público. Neste sentido, o comité de empresa, pendente de consultas xurídicas, chama ao persoal a tomar moi en serio o escenario incerto que se abre tamén no eido dos máis básicos dereitos laborais e condicións do traballo.
O Comité Intercentros intentará pois combater esta fraude antidemocrática que se presenta como lei con todas as ferramentas que poida, con especial atención á normativa europea que podería estar tamén a vulnerar o anteproxecto, e redobrará no mes de setembro os seus esforzos por concienciar a toda a sociedade galega do que o Partido Popular persegue en última instancia, poñer a CRTVG totalmente xa ao seu servizo, sen cortapisas, molestias incómodas nin disimulos.