Volver

14 espectáculos acadan algunha nominación aos Premios de Teatro María Casares

Un cento de profesionais do sector déronse cita na III edición da Festa dos Nominados nunha cerimonia na que se desvelaron os nomes dos finalistas A Asociación de Actores e Actrices estreou para esta ocasión as súas novas instalacións no Milladoiro

Foto: Corsino

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2010.- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de desvelar o nome dos finalistas aos Premios de Teatro María Casares, no transcurso da terceira edición da Festa dos Nominados. Unha cerimonia de proclamación dos finalistas na que un cento de profesionais déronse cita nas instalacións anexas á nova sede que a entidade estreou para esta ocasión no Polígono Novo Milladoiro, en Ames. Catorce espectáculos, do total de 34 que se presentaban, acadaron nominacións nalgunha das trece categorías. A relación de premiados non se coñecerá ata a entrega de premios que terá lugar no Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 24 de marzo.

“A Esmorga”, de Sarabela Teatro e “O Segredo dos Hoffman”, de Lagarta, Lagarta, foron os espectáculos que acadaron maior número de nominacións, con doce e sete, respectivamente. Durante o acto, os finalistas recolleron o seu Diploma de Nominación, acompañado dunha artesanía de Sargadelos especialmente realizada para a Festa dos Nominados, que acredita que optan aos premios nas súas respetivas categorías.

Durante o acto, o presidente da AAAG, Vicente Montoto, destacou que tanto os Premios de Teatro María Casares como esta III Festa dos Nominados “xa son un momento central no noso esforzo permanente por difundir e promover a actividade dos nosos profesionais, e das Compañías teatrais galegas. E, por suposto, de estimular ó público, que nestes anos incrementouse de xeito notable”. Montoto tamén aproveitou para lembrar que o premio de honra Marisa Soto deste ano foille concedido a Gonzalo Uriarte, o primeiro presidente da AAAG trala súa creación, en 1985, como símbolo “do recoñecemento ao labor dos moitos compañeiros e compañeiras que fixeron posible que cheguemos ós primeiros 25 anos con saúde, con moito entusiasmo, e con máis esforzos que medios”. E precisamente neste aniversario do nacemento desta entidade, o presidente da AAAG lembrou tamén a estrea do seu novo recinto, situado preto do anexo que Santiago Sur Galicia cedeu á asociación para a acoller a Festa dos Nominados.

Tanto os premiados como o propio Uriarte recibirán os seus galardóns na gala dos Premios de Teatro María Casares, organizada pola AAAG e o Concello da Coruña e que conta co patrocinio do AGADIC, a Direccion Xeral de Creacion e Difusion Cultural, a Fundacion AISGE, o Padroado de Cultura de Narón, Caixanova, Gadis, SGAE, Fundacion Autor, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, Cadena Ser e TVG, que retrasmitirá a gala.