Volver

MANIFESTO GALEGO DO DÍA MUNDIAL DO TEATRO 2010

A escritora María Xosé Queizán foi a escollida pola directiva da AAAG para ler o manifesto no ano 2010

Por María Xosé Queizán

Moitas persoas non poderíamos vivir sen a cultura, sen o coñecemento e o pracer que nos facilita a lectura, o teatro, a música, o cine...Pero, ademais sabemos por fiables e recentes estudos que a cultura en Galiza xera un PIB de case un 2%, está por riba do sector téxtil, do naval e do químico. É, daquela, tamén un ben económico, un sector productivo. As Institucións e as Autoridades, pois, ademais de estaren interesadas polo fomento da cultura no país, saben que é un sector estratéxico que crea riqueza. Son conscientes de este importante e amplo valor. Entre as que máis progresaron ultimamente están as artes escénicas. O público asiste cada vez máis ao teatro confirmando as ansias de participación cívica. O teatro é un xénero político por excelencia, e leva a cabo unha actividade pública que mantén o compromiso coa realidade. Unha arte na que o proxecto é imprescindible. Para facer teatro é preciso ter unha historia, un conflicto, uns personaxes e un método sistemático para desenvolver a trama. Achegase máis que outros xéneros a un traballo científico. Na comunicación directa co público é necesaria a comprensión. O teatro é a escola do mundo moral, ten unha gran responsabilidade ética. No escenario créase tensión, hai conflictos como na vida mesma.

Ten carácter dialéctico, orixina unha oposición discrepante, un debate de ideas e de comportamentos. Na acción escénica hai necesariamente movemento. O escenario é o espacio de aparición. Os personaxes son axentes transformadores que fan pensar en común ao público asistente, unido polos mesmos criterios e acontecementos. O teatro é público e move a conciencia colectiva, ten un carácter interactivo. Non é unha arte que se goce individualmente. É unha vibración común e pública. No teatro únese pensamento e acción; política e liberdade. Velaí, clan do teatro, amigas e amigos do teatro, o gran papel que tendes nas vosas mans, nesta sociedade que tanta necesidade ten de acción, de progreso e de transgresión.