Volver

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca os XX Premios de Teatro María Casares

O prazo para a inscrición de espectáculos abre este martes 22 de decembro e pechará o próximo 11 de xaneiro. Poderán concorrer todas as producións de actor en lingua galega estreadas ao longo do ano 2015

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XX Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015. O prazo de inscrición iníciase este martes 22 de decembro e pecha o 11 de xaneiro.

Por vez primeira, o proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede, grazas á renovación da nova páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia co gallo do seu XXX aniversario. A ferramenta de inscrición pódese atopar nesta ligazón, dentro da sección específica para os Premios de Teatro María Casares, que contén unha ampla base de datos dos espectáculos presentados ao longo das anteriores edicións e que irá incorporando as producións que se presenten a estes galardóns. No formulario de inscrición, as compañías deberán anexar o programa, cartel e fotografías do espectáculo, ademais de indicar as súas candidaturas nas diferentes categorías

Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e no vindeiro 2016 chegarán á súa vixésima edición sendo o grande escaparate do teatro e a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, que se celebrará o 30 de marzo, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.