Volver

Obradoiro de interpretación para TV con Carlos Sedes

Etiquetas:

Os cursos de interpretación audiovisual estaban definidos de cote como de “interpretación diante da cámara”. Esa “cámara” en realidade era cámara de cine. Hoxe en día a cousa mudou claramente, a cámara que máis ficción grava é a de televisión e outros formatos como as series web. Este curso está destinado a familiarizarse co que supón traballar neste tipo de formatos dende o punto de vista de quen interpreta.

A construción da personaxe non varía, segue a ser un proceso artesanal e íntimo. Cambia cando se está diante da cámara, mellor dito, das cámaras, pois en televisión son dúas ou tres cámaras.

Os cambios veñen en canto se entra no set, todo é máis reducido. Os tempos de pase de texto, de poñer a secuencia en planta, e de gravación. Isto require coñecer todos os estímulos que van intervir no traballo de actor, comúns a toda gravación audiovisual, si, pero con características propias: O son, a luz, os desaforamentos, a distinta relación do director de cine e o director de televisión co intérprete. Todo iso cambia e moito.

Así que este curso pretende ser un curso de interpretación para os tempos actuais e futuros. A interpretación para cámara cambiou de xeito radical co pasado. Pero non sabemos aínda o que lle queda por mudar cara ó futuro

Non son aínda moi comúns estes cursos en España, nisto a AAAG, unha vez máis, ponse na primeira liña da innovación do traballo actoral e a súa formación e reciclaxe. Poñería os ollos do audiovisual español en Galicia. E non sería a primeira vez, xa aconteceu noutras cousas como o catálogo de actores ou o convenio de teatro por poñer dous exemplos distintos.

Quen imparte o curso abunda nesta idea de sermos unha referencia dentro do audiovisual español. Carlos Sedes comezou e coñece a fondo o audiovisual galego e as súas posibilidades creativas. Coñece ás actrices e ós actores de Galicia e as súas posibilidades artísticas. Por iso que sexa un profesional das súas características quen imparta este curso, dálle un plus á actividade, xa que serve para coñecer actrices e actores de primeira man, o que pode, ou non, repercutir na súa carreira profesional de forma inmediata.

En resumo, é un curso innovador e pegado ás necesidades profesionais da interpretación e da produción de ficción en España. Pensado para mellorar a calidade profesional e para proxectar o talento de Galicia no exterior.

O docente

Carlos Sedes Prego

Comezou a traballar no sector audiovisual arredor do ano 1990, na empresa CTV. A súa experiencia en realización remóntase a 1998, daquela iniciase en Voz Audiovisual, facendo vídeos industriais, publicidade e programas divulgativos como Cuentagotas e Cibernatura, os dous emitidos na TVG. En 2000 comeza a realizar coñecidas teleseries da Galega, o que inclúe os episodios 118 ao 140 de Mareas vivas, e dese labor dá o salto á dirección, tamén na ficción da pequena pantalla autonómica. O seu seguinte chanzo profesional márcao a dirección das series Desaparecida (Grupo Ganga para TVE 2008) e Guante Blanco (Bambú Producciones para TVE 2008). Gravaría no 2009 a Tv movie No estás sola, Sara de Ficción Media para TVE. De aí á dirección de episodios das series Hispania, la leyenda, Gran Reserva, Imperium , Gran Hotel e Velvet de Bambú Producciones para televisións de ámbito estatal, ata chegar ata o seu último filme El Club de los incomprendidos, de Bambú para DeA Planeta home entertaiment.

Premios e recoñecementos:

Premio á mellor realización, xunto con Manuel A. Espiñeira, por A vida por diante nos Premios Mestre Mateo 2006 Mestre Mateo 2005 á mellor dirección por As leis de Celavella. Mestre Mateo 2005 á mellor realización, tamén por As leis de Celavella. Mestre Mateo 2003 á mellor realización por Terra de Miranda. Galardón ao mellor realizador de TV nos Premios da TV e do Cine de Galicia 2005, outorgados pola revista Imagen y Comunicación. Premio ao mellor director por Desaparecida no Seoul Drama Awards (Corea 2008). Nos Premios Mestre Mateo 2008 recibiu o galardón de mellor realización por Padre Casares, un labor acreditado a Jorge Coira, Carlos Sedes, Manuel Espiñeira e Álex Sampayo.