Volver

A ilustradora Paula Mayor asina o cartel dos XXVIII Premios de Teatro María Casares

A relación de finalistas deste 2024 coñecerase o próximo martes 20 de febreiro durante a Festa de Finalistas. Cris Collazo presentará o acto, que se celebrará na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia en Santiago

Paula Mayor asina o cartel dos XXVIII Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva, entidade organizadora dos galardóns, confía este ano na ilustradora coruñesa o deseño da imaxe dos María Casares, dándolle así continuidade á iniciativa principiada en 2017 de encargar o deseño dos carteis a diferentes artistas co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e mais o ámbito da ilustración, da banda deseñada e mais do deseño gráfico. En convocatorias anteriores deseñaron o cartel dos galardóns David Rubín, Xulia Vicente, Leo Sousa ou Aldara Prado.

Paula Mayor (A Coruña, 1975), ao longo da súa carreira profesional, exerceu como ilustradora, maquetadora ou deseñadora para os ámbitos da edición, do téxtil, da publicidade e mais das redes sociais. Dentro do eido da ilustración, amosou a súa versatilidade en proxectos de literatura infantil, na realización de portadas para libros e discos, a creación de carteis para organismos públicos e participou en diferentes exposicións como a colectiva Picasso na casa, que pode verse actualmente na Casa Picasso na Coruña.

A súa actividade artística no mundo da banda deseñada foi merecente de galardóns como o Premio Castelao 2023, convocado pola Deputación da Coruña, pola súa obra Rosalía oculta. Ademais, gañou certames como o Concurso de Ilustración da Editorial Hércules e levou o primeiro premio no VII Concurso de Cómic Refuxios e Liberdade e no XII Concurso de Cómic Dos Hermanas, entre outros. Asinou carteis para diferentes eventos culturais. Nesta liña, cómpre destacar o cartel do Calendario do Libro e da Lectura das Bibliotecas de Galicia deste ano e do Día da Ilustración da Xunta 2022.

Onírico e marítimo

Para o cartel dos Premios de Teatro María Casares, a autora sinala que apostou pola “estética do cómic” co obxectivo de crear unha ilustración “dinámica” na que o “movemento e a vida” combinasen cunha “vontade onírica”. Paula Mayor, ademais, centrouse nos “conceptos marítimos” e incluíu “elementos simbólicos” como o polbo, a maruxaina ou o castelo de Santo Antón para vencellar os Premios cun “espírito atlántico”.

Festa de Finalistas

Os espectáculos e profesionais finalistas dos XXVIII Premios de Teatro María Casares daranse a coñecer o vindeiro martes, 20 de febreiro, durante a tradicional Festa de Finalistas que este ano volverá celebrarase en Santiago, na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. A actriz Cris Collazo encargarase de conducir o evento.

A gala de entrega terá lugar xa o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os Premios María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa posta en marcha en 1997 e conta cada ano coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón a Fundación AISGE ou Gadisa.