A Asociación de Actores e Actrices de Galicia converterá o Teatro Rosalía Castro da Coruña nun furancho ideado pola compañía Ibuprofeno. “Para a situación do teatro é máis acaído celebrar unha festa nun furancho que unha gran celebración de glamuor pomposo”, sinala Santiago Cortegoso, director da gala. Deste xeito e en contraste á elegancia típica dunha gala calquera, Ibuprofeno propoñerá un espectáculo de “agroglamour” cun “viño do país, máis artesanal e máis noso” en troques do “champaña francés.” As actrices Isabel Risco e Marián Bañobre, enfundadas na pel de dúas furancheiras, conducirán unha gala distinta na que se manterá ao longo da noite un mesmo fío argumental. "O humor e a ironía serán as armas empregadas por Isabel Risco e Marián Bañobre, dúas intérpretes que amosarán ao tempo os seus dotes artísticos como clowns. “Porque así será a gala, terá unha pegada moi clown, moi enerxética e de humor corrosivo que exercitarán os dous personaxes interpretados por Isabel Risco e Marián Bañobre”. A banda Radio Cos, encabezada polos cantantes e percusionistas Xurxo Fernades e Quique Peón, achegaran á gala as notas musicais. Trátase dunha formación referente no campo da investigación etnográfica en Galicia. A banda está acompañada ademais por tres músicos de prestixio: Pedro Lamas na gaita e saxo soprano, Nikolay Velikov no violín e Xan Pampín no acordeón.
A gala dos María Casares transformarase nun furancho ideado por Ibuprofeno Teatro
Nun furancho cheo de agroglamour, con dúas furancheiras buscando posibilidades de futuro para o seu negocio en tempos de crise, con viño do pais en lugar de champaña francés e cun lote de xerras agardando polos seus clientes. Así será a cerimonia de entrega dos XVIII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o próximo xoves 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, no Rosalía Castro da Coruña.