Volver

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares lembrará a figura da actriz no seu centenario e reivindicará a escena como “patria-refuxio para todas as persoas desprazadas”

Un total de 14 espectáculos competirán este xoves a partir das 20.45 h. polos galardóns durante a gala que, dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio, terá lugar no Teatro Rosalía Castro e que se poderá seguir pola canle de youtube da AAAG

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares lembrará a figura da actriz no seu centenario e reivindicará a escena como “patria-refuxio para todas as persoas desprazadas” polas guerras, polos conflitos, polas inxustizas, polas pobrezas. “Neste 2022 no que conmemoramos o centenario de María Casares, na gala queremos erguer sobre o escenario a palabra e a sabedoría que nos legou a través das súas memorias, Residente Privilexiada, nas que proclamou unha sentenza que é capital: O teatro é a miña patria”, sinalou Carlos Álvarez-Osorio, director da gala dos Premios María Casares, na rolda de prensa desta mañá que se celebrou no Teatro Rosalía Castro coa participación do primeiro tenente de alcalde da Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas, e a secretaria-tesoureira da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Arantza Villar.

Ossorio, ademais, subliñou na súa intervención a importancia que ten o exilio tanto na gala coma na vida da actriz que lle dá nome aos premios. “María Casares foi unha resistente, unha persoa cunha enorme resiliencia que considerou sempre o teatro como un medio de encontro coa humanidade, sobre todo para toda esa humanidade que se viu obrigada ao longo da historia a fuxir, a exiliarse como se exiliou ela”, apuntou Álvarez-Ossorio, quen adiantou que na gala se retratará a traxectoria de Casares a través de catro etapas vitais: “a infancia, o exilio, a guerra e o teatro como patria”

Pola súa banda, a secretaria-tesoureira da AAAG, Arantza Villar, manifestou que a gala deste 2022 ten unha gran carga emotiva para o sector por varias razóns. “En primeiro lugar, porque será a gala na que recuperaremos a normalidade tras todo o que aconteceu na profesión escénica coa pandemia. O Teatro Rosalía Castro da Coruña encherase sen restricións para festexar a gran festa do noso teatro”, explicou Villar, antes de detallar outras razóns para a celebración. “Conmemoramos o centenario de María Casares, quen con gran xenerosidade lle cedeu á AAAG en 1996, pouco antes de morrer, o seu nome para bautizar os nosos premios. Niso tivo moito que ver Lino Braxe, a quen este xoves homenaxearemos tamén coa concesión do Premio de Honra Marisa Soto”, indicou Villar antes de lembrar que Fernando Dacosta lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e que 14 espectáculos son finalistas aos galardóns neste 2022.

Equipo artístico

Álvarez-Ossorio conta cun elenco conformado integramente por mulleres que se encargarán de poñerlles voz ás palabras da propia Casares. Deste xeito, na cerimonia de entrega dos premios de teatro actuarán as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Sheyla Fariña, Rosa Puga Davila, Marta Pérez e Mónica de Nut. A música ao vivo correrá a cargo de Proxecto X, formación integrada pola guitarra de Virxilio da Silva, o baixo de Paco Charlín, a batería de Diogo Silva e a voz da propia De Nut. Violeta Martínez Rivera encárgase do deseño de iluminación e mais do espazo escénico, Marián Bañobre exerce como vestiarista e Rubén Porto é o axudante de dirección.

A gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co apoio de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou Gadis celebrarase este xoves 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro e poderase seguir en directo a partir das 20.30 h., momento en que estará operativa a conexión pola canle de youtube que a AAAG dedica aos Premios de Teatro María Casares:

https://www.youtube.com/c/PremiosdeTeatroMaríaCasares

Espectáculos finalistas

Un total de 14 espectáculos son finalistas en algunha das catorce categorías nas que se dividen os galardóns. Cigarreiras, obra de Contraproducións e Teatro Romea, e Othello, de Voadora, contan con 8 finalistas cada unha. A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, aspira a facerse con 7 galardóns, mentres que Terceiro acto, obra do Centro Dramático Galego (CDG) opta a 6. Pola súa banda, Quixote, de Pedras de Cartón; Comando comadres, de Matrioshka Teatro, e O Charco de Ulises, do CDG, rexistran dous finalistas. Cun finalista atópanse os seguintes espectáculos: Serba me serbavo te, do CDG; Hugo, dos Náufragos Teatro; Cubo, de Elefante Elegante; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Morgana en Esemelle, de Sarabela Teatro; Soga e Cinsa, de Aporía Escénica, e A Cazola de Lola, de Tanxarina.